400 profesionais defenden no Leboreiro un novo modelo territorial para Galicia


400 profesionais defenden no Leboreiro un novo modelo territorial para Galicia

Ofreceron colaboración no territorio respecto das “ameazas” de Altri na Ulloa, a Mina de Touro-O Pino e a Celulosa de Pontevedra

O Leboreiro (Melide), 12 de xullo 2025.- Profesionais da arquitectura e o urbanismo, xunto con outras disciplinas profesionais e académicas de todo o país, asistiron hoxe no Leboreiro (Melide) a un “Encontro de Profesionais Pola Defensa do Territorio”. Logo de percorrer un treito de 5 kms do Camiño Francés a Santiago entre o albergue de peregrinos da Casanova (Palas de Rei) e O Leboreiro (Melide), máis de 150 asistentes ao acto concentráronse para dar lectura ao manifesto que estes profesionais subscribiron -suman xa 397 sinaturas- e no que avogan por un modelo territorial para o país que remate coas “ameazas” que nestes intres son a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei ou a reapertura da Mina de Touro-O Pino, e a que sigue a representar a celulosa de Ence en Lourizán.

No Leboreiro reuníronse algunhas das personalidades mais relevantes da arquitectura, xeografía, socioloxía, ou da arte…do panorama galego, defendendo, sobre o terreo, dunha das consideradas “zona cero” destas ameazas industriais sobre o territorio. Os promotores do manifesto destacaron o seu ofrecemento a “asesorar e colaborar” na loita que a veciñanza leva librando contra a instalación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei durante o último ano e medio. Neste acto, conducido polo actor Quico Cadaval, non so tiveron voz a xente do deseño e a ordenación do territorio, senón tamén as veciñas e veciños que explicaron a súa experiencia vital, o seu traballo diario no territorio e as súas inquedanzas perante as inminentes ameazas.

Interviñeron: Antón Masa, presidente da Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR),  Lois Varela, gandeiro en Carteire (Palas de Rei), Pilar Bispo bióloga e produtora ecolóxica en Vila de Cruces, María Gontá, enxeñeira naval e veciña de Antas de Ulla, Miguel Álvarez, veciño de Leboreiro (Melide), representando a voz da mocidade da comarca, Socorro Cea, profesora de  Melide, que alertou sobre o efecto de Altri sobre os espazos dos nenos, Xosé Lois, gandeiro de Palas de Rei,  Ana Pernas, avogada de Silleda, que apostou polo estatuto coma entidade xurídica do río Ulla e ría de Arousa,  Alba Meijome, traballadora social de Lalín, Concha Casares, hosteleira en Melide, Xosé Manuel Broz, director do Museo da Terra de Melide, e Juan Pedro Sánchez, presidente da Plataforma Ulloa Viva , quen agradeceu as aportacións dos profesionais “cos que esta plataforma contou desde o primeiro momento e sigue a contar” porque, segundo destacou, “ ninguén se salva so, so nos salvamos xuntas”.

A continuación, o colectivo de profesionais independentes que organizou o acto procedeu á lectura do manifesto, realizado polo grupo promotor, formado por Plácido Lizancos, Maricarmen Tapia, Xosé Allegue, Maria Alba López Barreiro, Jorge Duarte,  Jorge Rodríguez Álvarez e Carlos Palacios, e que contou tamén coa participación da arquitecta Patricia Muñíz, a xeógrafa María José Piñeira e a actriz e produtora Mabel Rivera. Finalmente, a xove artista local Aldara García López puxo a nota final cunha interpretación musical.

 

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print