Ence e a corrupción do caso Montoro/Rajoy


Vén de saír á luz a existencia dunha importante trama corrupta no Ministerio de Facenda cando Mariano Rajoy era Presidente do Goberno; esta trama mafiosa, creada polo ex-ministro Montoro e que afecta á práctica totalidade dos seus colaboradores no Ministerio, conseguía importantes ingresos económicos a cambio de beneficios fiscais para as empresas que contrataban os seus servizos de consultoría ao despacho “Equipo Económico”, creado e dirixido inicialmente polo propio ministro. Segundo recollen os medios informativos, o funcionamento da trama consistía en adaptar as leis que regulaban os impostos, ás necesidades das empresas “con intereses no sector da enerxía”, e supuxo importantes aforros para o empresariado.

Sábese que entre as empresas que pagaron á trama corrupta de Montoro/Rajoy a cambio de conseguir un trato favorábel desde o Ministerio de Facenda, atópase ENCE que -segundo as fontes consultadas- aportou 116.000 € á consultora “Equipo Económico”.

Na “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR), que en moitas ocasións acusamos a ENCE de utilizar prácticas e comportamentos que teñen moita semellanza cos utilizados polas organizacións mafiosas, vemos agora confirmadas as nosas sospeitas. ENCE non repara en utilizar vías ligadas á corrupción mafiosa sempre que iso beneficie o seu interese particular. Neste sentido, ten unha cota de responsabilidade na existencia desta trama corrupta, porque NON HABERÍA TRAMAS CORRUPTAS SE NON HOUBESE EMPRESAS CORRUPTORAS!

Así as cousas, na APDR, non podemos esquecer que foi durante o período de goberno de Rajoy (e coa trama corrupta de Montoro en Facenda) cando ENCE solicitou a prórroga da súa concesión administrativa (ano 2013) e cando o Goberno do PP (xa en funcións), de forma irregular ao noso entender e ao entender da Audiencia Nacional, deu carta branca á solicitude, nunha tramitación que sorprendeu -entre moitas outras cousas- polas presas coas que se fixo (ano 2016). Á luz das informacións agora coñecidas sobre a corrupción existente no seo do Goberno de Mariano Rajoy e dos beneficios económicos obtidos por ENCE a cambio do pago á mafia corrupta de Montoro, preguntámonos se non terá habido algunha “negociación” semellante cando foi da tramitación da prórroga da concesión administrativa en Dominio Público Marítimo-Terrestre.

Poida que nalgún momento, pasados xa anos, cheguemos a saber como se negociou a prórroga, unha prórroga que -por certo- segue sen ser firme. En calquera caso, visto o comportamento da empresa ENCE neste asunto das “rebaixas fiscais”, esiximos -como primeira medida- que desde as arcas do Estado (o que inclúe, evidentemente, ás da Xunta de Galicia) non se lle conceda nin un euro máis a calquera actividade promovida ou xestionada pola empresa ENCE, porque así o esixe tamén a ética e a estética dunha administración que se di democrática.

 

 

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print