A “Asociación Pola Defensa da Ría” chora a morte de Carlos Taboada


Chegábanos neste mediodía a terríbel noticia da morte repentina de Carlos Taboada, fundador xunto con Kike Mauricio do colectivo cultural “Polo Correo do Vento”, un colectivo que nos apenas 10 anos de existencia ten desenvolvido unha inmensa actividade en Pontevedra e ao longo do territorio galego.

Para a APDR, a morte de Carlos significa unha perda irreparábel, porque máis alá da súa pegada no mundo da cultura como contador de contos, como deseñador gráfico e como escritor e editor, Carlos era parte fundamental no activismo social na nosa vila. O compromiso do colectivo “Polo  Correo do Vento”, e o seu compromiso persoal na defensa do medio ambiente e coa nosa Asociación na loita polo saneamento e recuperación da Ría de Pontevedra, foi unha constante e unha mostra de integridade á hora de actuar.

Nun mundo no que priman os intereses persoais fronte ao colectivo, onde as máis das veces os valores brillan pola súa ausencia, Carlos -xunto con Kike- deu mostras da súa coherencia á hora de defender os seus principios.

Desde a “Asociación Pola Defensa da Ría” queremos facer constar o noso sentimento de pesar a súa compañeira Joanna, a súa familia, as súas amizades e a cantas persoas fan parte de “Polo Correo do Vento”, con quen compartimos amizade e loitas comúns. Sabede que Carlos estará sempre nos nosos corazóns.

 

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print