A Plataforma POR UN MONTE GALEGO CON FUTURO convocamos unha mobilización en Compostela
Domingo 14 de setembro dende a Alameda ás 12:00 h
Sobran os motivos para acudir: “LUMES NUNCA MÁIS
Reserva autobús desde Pontevedra no tlfno 986 852 950
Na manifestación #LumesNuncaMáis en Compostela. Milleiros denunciando que as políticas forestais do Capital queiman os nosos montes. 🔥
Fronte ao espolio depredador e a catástrofe climática, planificación ecosocialista.#EcosocialismoOuBarbarie pic.twitter.com/XbVca6S5k7
— Anticapitalistas_GZ (@anticapi_GZ) September 14, 2025
A Política forestal da Xunta é quen nos queima: Por un Monte galego vivo e con futuro, 14 de setembro en Compostela
Perante a vaga de incendios que se espallou por toda a Galiza, de norte a sur, e de leste a oeste, estamos hoxe aquí para denunciarmos máis unha vez outra traxedia ambiental, social e cultural e económica, un novo pesadelo nesta longa noite de perda da nosa natureza e por extensión do noso País. O andazo dos incendios que padeceu toda Galiza cébase, nestes momentos, especialmente sobre todo nas comarcas de Ourense, nomeadamente nos seus espazos naturais protexidos. Até agora xa se superaron as 150.000 hectáreas calcinadas segundo datos de Copernicus. Grande parte destes espazos quedaron tinxidos de negro, en forma dun “Prestige do interior” que deixa tras de si unha paisaxe desoladora, unha terra devastada e un futuro incerto para quen perdeu as súas pertenzas e o seu medio de vida, para nosa natureza e, por extensión, para o noso País.
Causas múltiples e diversas están na orixe dos incendios que se producen no territorio da Galiza, e cada ano que pasa novos factores, como a mudanza climática, teñen de ser tidos en conta, mais no que todo o mundo parece estar de acordo é que o abandono do rural, as nefastas políticas agrarias e a aposta polo monocultivo de especies de crecemento rápido están entre as causas que mais inflúen nas vagas incendiarias. Neste sentido e perante o inmediato fin da moratoria para novas plantacións de eucaliptos decretada pola Xunta de Galiza para este 31 de decembro, e a vista do desastre económico, social e ambiental que estamos padecendo, consideramos necesario reclamar unha moratoria indefinida.
Un ano máis, e xa van moitos, ante a inacción dos gobernos galegos do PP, estamos sendo testemuñas de como o lume se propaga por numerosas comarcas do noso rural e de zonas próximas ás cidades, co agravante de que a extensión de territorio que se ve afectada é cada vez maior, se as condicións climáticas son desfavorábeis. Non pasa así en anos con condicións climáticas mais benignas, como foi o caso do ano pasado, con apenas 2.600 hectáreas.
Atrás quedan persoas queimadas cun grave risco para a súa vida, arderon casas e foron milleiros de persoas as evacuadas véndose na obriga de deixar os seus fogares, e os seus animais, impotentes, vendo que non había medios suficientes para facerlle fronte ao lume. Ficaron abandonadas pola Xunta. Os colectivos e as persoas aquí presentes queremos amosar o noso desexo de favorábel e pronta recuperación das persoas queimadas, así como a nosa total solidariedade coa veciñanza evacuada, coas que perderon casas e facendas e con aquela outra que pese aos avisos, e arriscando a súa vida, mantívose nas aldeas, para tratar de facerlle fronte aos lumes agardando a que chovera, e se as aldeas se salvaron foi pola súa resistencia e loita, cos soutos, carballeiras e fragas como os únicos aliados.
O Plano de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (PLADIGA) é unha ferramenta inútil, non deixando de ser unha irrelevante actualización de PLADIGAS anteriores. Aprobouse sen debate no Consello Forestal da Galiza, e non se celebrou ningún Consello Forestal unha vez rematados os lumes para facer unha análise do número de lumes, orixe dos mesmos, medidas de loita e resultados das mesmas, co agravante de que neste Consello non están representadas todas as organizacións e entidades relacionadas co monte e o medio rural.
Solidarizámonos tamén co colectivo de profesionais de prevención e extinción, que outra volta traballaron en condicións de absoluta precariedade, abandono e falta de medios. Así, en plena vaga de incendios, o Presidente da Xunta da Galiza, señor Rueda, pedía medios ao Estado español, entanto tiña 190 prazas sen cubrir. O Goberno galego e o actual presidente da Xunta Alfonso Rueda seguen ocultando a triste realidade de que o que se perde son as grandes xoias naturais de Galiza.
Dito isto, non fica ningunha dúbida de que a loita contra o lume, na sua faceta de extinción, débese facer desde a óptica dun servizo público, profesional e permanente, polo que se fai necesario crear un Servizo Público de Bombeiros e Bombeiras Forestais, con a dimensión necesaria para atender a realidade existente.
A verdadeira política de prevención non é como pensa a señora conselleira e moita parte da sociedade, ter os montes limpos, as pistas arranxadas e os puntos de auga prestos, senón en ter un medio rural vivo e con actividade económica produtiva, un monte multifuncional e sustentábel coa implicación da veciñanza comuneira e dos e das titulares particulares nesta posta en valor. Neste sentido para garantir esta multifuncionalidade fai-se preciso reclamar da Consellaría do Medio Rural que volva pór en vigor a liña de axuda para a valorización integral do monte, asi como as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR), sen esquecer o Voluntariado en Defensa do Monte Galego, ferramentas que demostraron a súa eficacia no breve período no que estiveron vixentes.
A vida salvaxe que se perdeu tardará moitos anos en volver a reaparecer, porque a contorna tamén degradada, xa non consegue achegar sementes nin individuos para a recolonización natural. Cos lumes desaparecen animais ameazados, xoias naturais fráxiles e escasas como o bufo real, a aguia real, o lobo e o oso pardo… E con eles, centos de milleiros de pequenos animais abrasados polas lapas. Sobreiras, cerquiños, aciñeiras e érbedos monumentais convertidos en carbón en cuestión de segundos. E que pasará con ese solo queimado e requeimado, tan alterado que non poderá permitir o establecemento da vexetación que sustenta á fauna? A súa recuperación non é cuestión de décadas, senón de centos de anos.
As persoas labregas están especialmente afectadas pola destrución dos cultivos, a perda de forraxe almacenada e a imposibilidade de producir outra nova ou facer pastoreo nas terras arrasadas. Na apicultura perdeuse a zona de alimentación das abellas en km á redonda. E a recuperación destas zonas levará moito tempo.
Unha vez máis, temos que ser o pobo galego quen saía á rúa para exixir ao goberno da Xunta medidas urxentes para frear esta situación e un cambio radical nas súas políticas ambientais, agro gandeiras e forestais.
É por isto que por enésima vez esiximos:
- A creación dun único servizo público, de xestión directa e dependente da Xunta, evitando a súa privatización, composto por profesionais, adecuadamente formado en prevención, extinción de incendios e outras emerxencias que poidan alternar os labores de extinción no verán e prevención durante todo o ano.
- A declaración de “zona catastrófica” das áreas atinxidas polos lumes debe implicar a chegada inmediata de axudas e medios para compensar os danos do lume e facilitar a recuperación.
- Accións inmediatas nas zonas queimadas para evitar a erosión destes solos de extraordinaria importancia e procurar o antes posíbel a súa restauración, así como impedir a chegada de cinzas e outros contaminantes aos ríos e rías.
- A suspensión da tempada de caza e pesca non só nas áreas queimadas senón tamén nos tecores veciños por un período que permita a rexeneración das poboacións salvaxes afectadas polo lume.
- O pulo decidido a políticas estruturais que preserven a biodiversidade natural, restauren os ecosistemas danados e recuperen os usos tradicionais e multifuncionais dos montes, como o pastoreo. A aposta por unha agricultura labrega, familiar e agroecolóxica, que garanta prezos xustos para o sector produtor. Medidas que contribúen a fixar poboación no rural e a afastar os lumes.
- Apoiar tanto a propiedade particular, como especialmente as comunidades de montes en man común, no camiño cara unha xestión forestal e de monte protectora ante o risco de incendios. Fomentar as iniciativas que fortalezan a esas comunidades e permitan o aproveitamento multifuncional do territorio, evitando o abandono ou a extensión de monocultivos de especies como eucalipto ou piñeiros.
- Denunciamos que a Xunta siga empregando o monte galego como obxecto de especulación, ou como solo barato para as grandes corporacións multinacionais enerxéticas, pasteiras e mineiras que expulsan ás persoas do rural na procura do seu lucro privado.
- E agardamos que non se aproveite esta situación de desgraza ambiental e social para favorecer os intereses dos lobbys enerxético, mineiro, urbanístico, e forestal.
- Reclamamos unha moratoria indefinida para a plantación de eucaliptos e doutras especies pirófilas, así como a súa eliminación paulatina e dando alternativas aos e ás titulares de montes de eucaliptos situados en terras agrarias, figuras de protección medioambiental, masas mixtas, zonas paisaxísticas, con restos patrimoniais, etc.
- Que por parte das administracións públicas se proporcione o apoio necesario, tanto material como técnico, asi como garantir a simplificación administratriva e burocrática e a continuidade das explotacións agropecuarias afectadas e danadas polos incendios.
- Outro modelo industrial da madeira e dos produtos derivados na Galiza é necesario. Un modelo que teña como obxectivo o peche dos ciclos produtivos, tanto para as madeiras de calidade como para os produtos do monte
POR UN MONTE GALEGO CON FUTURO
BASTA XA DE TANTA MANIPULACIÓN E DE PROPAGANDA BALEIRA SOBRE O NOSO RURAL.
NON QUEREMOS QUE O MONTE SEXA PASTO DO LUME E DA ESPECULACIÓN. LUMES NUNCA MÁIS
Plataforma “Por un monte galego con futuro”
A Estruga, A Rente do Chan-Pladever, A Ría Non se Vende, A Terra Non se Vende (ATNSV), Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro, Amarelante Sociedade Cooperativa Galega, Amigas da Terra, Anduxía, Asociación Alexandre Bóveda, Asociación Ambiental Petón do Lobo, Asociación Ambiental Senda Nova, Asociación de Amigos e Amigas dos Bosques “O Ourol de Anllóns”, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Fonte Seca da Baña, Asociación de Gandeiras e Gandeiros galegos Elas Eles, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación para a defensa medioambiental Salvemos Monteferro, Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación Galega Cova Crea, Asociación Cultural Bidueiro, Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), Asociación de Custodia do Territorio Brexa, Asociación Frouma, Asociación Medioambiental Galicia Ambiental, Asociación Medioambiental Grupo Lobo, Asociación Monte Galego, Asociación Montes de Galiza (MONTEGAL), Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM), Asociación Naturalista Hispella, Asociación Rebinxe, Asociación Rexeneración Autóctona, Asociación “Somos Pandeireteiras”, Asociación Veciñal do Saviñao, Colectivo Agrocuir da Ulloa, Comando Ghichas, Confederación Intersindical Galega (CIG), Ecoloxistas en Acción, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Federación Rural Galega (FRUGA), Foro do Camiño, Fundación Eira, Greenpeace, Grupo Naturalista Hábitat, Instituto de Estudos Miñoráns, Marcha Mundial das Mulleres (MMM), Mariña Patrimonio, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Plataforma Mina de Touro-O Pino NON, Plataforma Non á Balsa da Cornanda, Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo «CÍES», Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, Plataforma Ulloa Viva, Quercus Sonora, Salvemos as Fragas de Catasós, Sindicato Labrego Galego (SLG), Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), SOS Groba, SOS Suído Seixo, Terra Chá Sostible, Unionlibre.org, Verdegaia e Véspera de Nada.




