Vimos de ter coñecemento na APDR da decisión ditada polo Tribunal Supremo (TS) o pasado 9 de xaneiro pola que se desestima o noso escrito de nulidade das actuacións do Alto tribunal contra a sentencia da Audiencia Nacional que anulaba a prórroga de 60 anos concedida a ENCE no ano 2016 polo goberno presidido por Mariano Rajoy. Trátase dunha decisión agardada pois, é sabido da dificultade do TS para adoptar decisións favorábeis neste tipo de recursos.
No escrito presentado o 17 de outubro do pasado ano, solicitabamos a nulidade das actuacións adoptadas no seu día polo TS por considerar -entre outras cousas- que a existencia de motivos non xulgados no noso recurso, deixábanos nunha situación de indefensión, vulnerando o dereito á tutela xudicial efectiva. Esta razón levounos a solicitar a remisión das actuacións á Audiencia Nacional para garantir a consideración daqueles motivos non xulgados con anterioridade. Entre estes motivos, o da duración da prórroga non parece menor; con efecto, entendemos na APDR que, de acordo coa lexislación de Costas, o tempo máximo que ENCE podería permanecer no seu actual emprazamento é de 75 anos a contar desde 1958, un prazo amplamente superado coa prórroga outorgada de forma irregular polo Partido Popular. Así mesmo, e de non prosperar esta solicitude, considerabamos necesario que o TS ditase unha nova sentencia respectando o dereito fundamental que consideramos vulnerado.
A decisión agora coñecida, non supón en absoluto o final do percorrido da vía xudicial na loita contra a permanencia de ENCE na nosa Ría; con efecto, ábrenos as portas para recorrer en
amparo diante do Tribunal Constitucional, un recurso que estamos xa a perfilar co noso gabinete xurídico e do que daremos oportuno coñecemento aos medios de comunicación.



