Estase a producir nestas datas unha situación de asolagamentos continuados na estrada PO-11 (a chamada autovía a Marín) que, entre outras cousas, provocou a queixa formal do Concello de Pontevedra ao “Ministerio de Transportes y Mobilidad Sostenible”. Non se trata dun fenómeno novo, por máis que nesta ocasión -e como consecuencia de situacións atmosféricas adversas- a súa maior duración provocou maiores problemas no tráfico viario. Con efecto, os asolagamentos na autovía véñense dando de forma recorrente ano tras ano e desde hai moitos anos, e todo indica que se van repetir con maior frecuencia a medida que avance o imparábel cambio climático pois, disto vai a situación que nos ocupa.
Non poñemos en dúbida os razoamentos expresados polo especialista de MeteoGalicia, Sr. Cid, que fala da saturación do solo como un dos factores que provocan o asolagamento da estrada, máis esa saturación e as súas consecuencias, prodúcense por causas que -ao noso entender e salvando as necesarias distancias- non son significativamente diferentes daquelas que provocan outras situacións de asolagamento en localidades onde se ten construído en zonas inundábeis.
A zona que hoxe ocupa a autovía, e a Celulosa, é unha zona inundábel por ter sido roubada á Ría mediante recheos; debaixo da autovía e a fábrica de ENCE atópanse as praias urbanas de Pontevedra e boa parte do mellor dos bancos marisqueiros da Ría, e só acometendo con decisión e valentía o verdadeiro problema, poderemos acadar a verdadeira solución. Non se trata de protexer ou poñer a salvo a autovía fronte aos fenómenos naturais, trátase de recuperar e naturalizar a zona. Calquera medida que dirixa os esforzos á protección da autovía fronte á chegada do mar, está abocada ao fracaso e servirá só para consolidar a fábrica de ENCE nun emprazamento que nunca debeu ocupar. Só quen negan a existencia do cambio global ou defenden por riba de calquera dereito cidadán a permanencia da fábrica de Celulosa, poden optar pola protección da autovía coma solución!
Para a “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra”, a solución definitiva ao problema pasa pola recuperación do litoral, unha recuperación para a que temos un proxecto elaborado xunto coa “Escola Técnica Superior de Arquitectura” de A Coruña (e que contou coa colaboración do Concello de Pontevedra). Neste proxecto de “re-naturalización dos terreos ocupados por ENCE na Ría de Pontevedra”, no que fai ao tratamento dos sistemas viarios e ao mantemento da necesaria conectividade entre os núcleos de poboación e á destes núcleos co Porto de Marín, a nosa proposta é moi clara:
1º.- A eliminación do actual trazado da estrada PO-11.
2º.- O seu traslado cara ao interior, primando a rexeneración dos núcleos de poboación do ámbito.
Este proxecto suporía tamén a recuperación dos trazados naturais dos distintos cursos fluviais existentes na parroquia de Lourizán, hoxe desviados e causa principal -xunto co deficiente deseño da rede de saneamento- dos anegamentos permanentes na zona con augas de orixe pluvial e de vertidos fecais.
Na APDR, somos conscientes de que a nosa proposta non permite “saír do paso” en cuestión de días ou meses; require tempo e valentía para acometela, máis insistimos, calquera outra medida será PAN PARA HOXE, E FAME PARA MAÑÁ!




