Sobre a proposta de Portos de Galicia para o dragado do Lérez


Rematado o período de exposición pública do Proxecto de dragaxe da canle do río Lérez, un proxecto no que a “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR) ten sido parte activa, queremos facer pública a nosa posición, expresada nas numerosas alegacións presentadas.

Vaia por diante que, tendo en conta a incidencia negativa que a acumulación de sedimentos e lodos ten sobre os sectores produtivos e deportivos que desenvolven as súas actividades no ecosistema río-ría, na APDR consideramos necesario acometer a dragaxe da canle do Lérez. Porén, esta realidade non nos pode levar a aceptar de forma acrítica unha proposta que, ao noso entender, vai ser só un parche que, lonxe de resolver o problema existente, rematará xerando novos problemas ambientais no río e nas rías de Pontevedra e Arousa e afectando aos sectores produtivos de ámbalas dúas rías. Trataremos de explicar, de forma resumida, esta realidade.

Máis alá da falta de rigor, imprecisións e incertezas presentes nos documentos e das numerosas contradicións existentes entre os distintos textos presentados a exposición pública (que por eles mesmos descualifican o proxecto), debemos sinalar os seguintes aspectos:

1.- Non se abordan as causas que provocan a acumulación de sedimentos no río, polo que, máis pronto que tarde volverá á situación actual. De non eliminar aquelas actividades responsábeis da situación (recheos, vertidos industriais e fecais, política forestal que provoca incendios e a posterior erosión e aporte de sedimentos á bacía do Lérez…), o dragado fracasará por efémero.

2.- O limitado da zona a dragar no Lérez, pode acelerar o proceso de acumulación comentado.

3.- A recollida de mostras, e as análises realizadas para coñecer a súa composición química e toxicidade, deixan moito que desexar. Tómanse exclusivamente mostras superficiais, descartando do proxecto aquelas que consideran perigosas “pola súa elevada contaminación”, sedimentos que van permanecer na canle do Lérez e que pola acción do dragado van provocar contaminación nas zonas próximas e nos propios sedimentos a dragar, supostamente libres de contaminación. A incidencia sobre os bancos marisqueiros está practicamente asegurada.

4.- Dada a composición dos sedimentos acumulados (maioritariamente finos), nas operacións de dragaxe e nos vertidos posteriores, van orixinar unha elevada dispersión e un forte impacto na calidade das augas, nos organismos filtradores e nos ecosistemas bentónicos.

5º.- Previamente ao inicio das obras, haberá que retirar das zonas afectadas o marisco que teña acadado a talla comercial para a súa venda e mover a outros bancos os exemplares de menor tamaño, operacións que van repercutir negativamente nos ingresos do sector marisqueiro que, ademais, non poderá faenar durante a execución do proxecto. Para a APDR -que entende as preocupacións do sector- é evidente que esta situación requirirá da Administración a adopción de medidas económicas que compensen as perdas producidas, elevando o custe real do proxecto.

6º.- A zona proposta para o vertido dos sedimentos (nas proximidades da illa de Sálvora), resulta inaceptábel polos seus efectos nocivos sobre os bancos marisqueiros das rías de Arousa e Pontevedra, derivados do desprazamento dos áridos pola acción das correntes mariñas. Estes efectos, só poderían paliarse elixindo unha zona de vertido moito máis profunda, lonxe do litoral, ou estabilizando en terra os sedimentos para utilizalos logo en labores de recheos de minas abandonadas, canteiras ou outros usos semellantes, a opción elixida pola APDR.

Así pois, agás que se dea solución aos problemas que vimos de expoñer, na APDR entendemos necesario deixar en suspenso un proxecto custoso e ineficaz, que vai ser “pan para hoxe e fame para mañá”.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print