A APDR solicita información á Xunta sobre o arquivo de ALTRI


Diante do arquivo do proxecto de ALTRI para Palas de Rei, anunciado pola Conselleira de Economía e Industria, que o vincula á falta de conexión eléctrica como consecuencia da decisión do Goberno central de excluílo da planificación enerxética 2025-2030, desde a APDR queremos expresar publicamente a nosa posición ao respecto.

Para nós, o arquivo do proxecto de ALTRI rematará coa desaparición definitiva dun pesadelo para as terras da Ulloa, o río Ulla, a ría de Arousa e, en definitiva para o noso país. E trátase dun trunfo indiscutíbel da vontade do pobo galego expresada nas mobilizacións convocadas ao berro de ALTRI NON, porque a negativa ao acceso á conexión na rede eléctrica non se tería producido nunha situación de desmobilización social.

Evidentemente, ao descoñecer o acto administrativo ao que se fai referencia nos medios de comunicación, resulta imposible saber o alcance do arquivo ou caducidade do proxecto. Para nós, o arquivo -pola inexistencia dunha das premisas consideradas ao presentar o proxecto- sitúanos diante da “desaparición sobrevenida del objeto del procedimiento” un dos supostos contemplados no parágrafo segundo do apartado 1 do artigo 21 da Lei 39/2015, do “Procedimiento Administrativo Común de las Administraciones Públicas”, que exime á Administración da obriga de ditar resolución expresa e da súa notificación. De ser así, para arquivar o procedemento, abondaría con que a Xunta indicase os feitos producidos e a declaración das circunstancias que concorren no particular.

Porén, a Conselleira indica que comunicou á empresa a decisión do arquivo dándolle un prazo de tres meses para que “xustifique a conexión eléctrica presentada no proxecto”, un requisito que, de terse aplicado o recollido polaLei 39/2015 no artigo antes amentado, debería terse obviado. Está a considerar a Xunta o recollido no artigo 95 da amentada Lei? Nese caso, estaría a cometer un erro de vulto que debería ser reparado.

En todo caso, a APDR, como parte interesada neste procedemento, ten o dereito a coñecer a resolución ou acto administrativo polo que a Xunta decidiu o arquivo ou a caducidade do expediente administrativo polo que se tramitaba o proxecto de ALTRI.

Neste sentido, facendJo valer este dereito, temos solicitado da Consellería que se nos facilite copia da resolución ou acto administrativo que deu lugar ao arquivo ou á caducidade do expediente administrativo do proxecto de ALTRI e, asemade, que se nos facilite copia da comunicación dirixida pola Xunta á empresa.

Agardamos da Xunta unha pronta e satisfactoria resposta que dea carácter oficial ao que, para nós, é xa o paso definitivo para a desaparición do proxecto de ALTRI nas terras do medio.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print