O dragado do Lérez: resposta da “APDR” ao portavoz do PP en Pontevedra


Sr. Domínguez,

Vimos de ler as súas declaracións nas que acusa ao Goberno central de “entorpecer, retardar e encarecer a dragaxe do Lérez”, unha actuación que di considerar transcendental para o futuro da Ría; pois ben, como colectivo que ten como principal obxectivo o do saneamento e recuperación da Ría para garantir a explotación racional dos seus recursos, e que -coma Vde.- entende necesario acometer esta dragaxe, vémonos na obriga de dar resposta ás súas afirmacións.

Dirémoslle, en primeiro lugar, que a “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR) ten realizado un estudo pormenorizado do proxecto posto a exposición pública por “Portos de Galicia” e que, en base a ese estudo, ten presentado numerosas alegacións ao mesmo por considerar que, de non modificarse moitas das actuacións propostas, resultaría ineficaz e provocaría danos de gravidade nos sectores pesqueiro e marisqueiro da Ría.

Dirémoslle tamén que, entre as alegacións presentadas, faciamos especial fincapé precisamente nalgún dos aspectos que considera agora o Ministerio de Transición Ecolóxica, en concreto no que ten que ver coa falta de rigor á hora de recoller e analizar as mostras dos sedimentos a dragar. Mostrabamos a nosa discrepancia á hora de caracterizar a súa composición química e toxicolóxica, pero tamén polo feito de limitar a recollida de mostras ás zonas superficiais, sen facer análises das mostras a maior profundidade, e pola decisión de deixar na canle do Lérez (sen dragar) aquelas que “pola súa elevada contaminación” consideran perigosas.

Se temos en conta, ademais, que o proxecto non aborda as causas que provocan a acumulación de sedimentos no río (o que vai levar ao fracaso do dragado, por efémero), que non se van dragar todos os sedimentos existentes na canle (o que -entre outras cousas- pode acelerar o proceso de acumulación futura de sedimentos), que vai ter unha incidencia negativa nos bancos marisqueiros e sobre os organismos filtradores e nos ecosistemas bentónicos, e o inadecuado do punto de vertido dos sedimentos contaminados (que vai provocar evidentes danos nos bancos marisqueiros das Rías de Arousa e Pontevedra), teremos que concluír na necesidade de deixar en suspenso un proxecto custoso e ineficaz, que vai ser “pan para hoxe e fame para mañá”.

Neste sentido, consideramos que só desde o descoñecemento absoluto do proxecto de dragaxe da canle do Lérez (ou desde unha inaceptábel posición de defensa radical e cega das posicións defendidas pola dirección do seu partido) se pode entender a súa crítica ás manifestacións realizadas desde o Goberno.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print