A APDR denuncia novos vertidos


Un novo vertido, con abundante escuma de aspecto de xabrón e cheiro desagradábel, chamou a atención ás persoas que paseaban onte pola zona e que deron conta da situación á nosa Asociación.

Desta volta o vertido foi observado nun regato que descorre baixo a rúa de Santa Margarida, nas inmediacións da que foi finca de D. Manuel Portela Valladares, e que se coñece na zona como o “río da Petronila”. Trátase dun regato que no seu curso alto discorre en paralelo ao Valdecorvos, e que ten boa parte da súa canle soterrada, entre outras na zona do polígono da Avda. de Lugo.

Aínda que descoñecemos a natureza do vertido e a súa procedencia, non podemos descartar que se poida tratar dun vertido dalgunha das instalacións industriais existentes no amentado polígono, ou dalgunhas das obras ou instalacións existentes na zona.

En todo caso, queremos chamar a atención sobre este suceso porque -máis alá da súa magnitude- supón un dano ambiental no entorno fluvial da nosa cidade, un medio natural que resulta fundamental para manter a necesaria calidade de vida á que todas as persoas aspiramos; así pois, esiximos que desde o Concello (e demais Administracións con competencias no tema) se extreme o coidado dos nosos ríos e regatos para evitar que se produzan vertidos como o comentado e para que, de suceder algún, se investiguen as causas e -de ser o caso- se persigan os responsábeis e se apliquen as sancións correspondentes a quen teñan probada responsabilidade.

Agradecemos ás persoas que deron conta deste vertido que se teñan posto en comunicación coa nosa Asociación, e animamos tamén á cidadanía a que, cando observen unha situación na que -coma neste caso- o medio ambiente estea afectado, como primeira medida, chamen ao 112 para denunciar a situación; trátase dun número único europeo para este tipo de emerxencias, é gratuíto e xestiona calquera emerxencia con rapidez e eficiencia.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print