A “Asociación Pola Defensa da Ría” denuncia a ocultación de información ambiental solicitada á “Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático”.


 

A APDR solicitou hai máis de dous meses, ao amparo da lei 27/2006 do dereito de acceso á información en materia de medio ambiente, á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, a remisión de información relativa aos vertidos industriais de ENCE e, aínda que dende a DX se respondeu que precisarían do prazo máximo que establece a lexislación para subministrala, dous meses, transcorrido ese tempo a información non se ten enviado, o que supón unha denegación “de facto” e o incumprimento da amentada lei.

No escrito enviado pola APDR, solicitábanse á Administración todos os estudios que se tiñan realizado tanto dos vertidos como do estado do medio receptor e os datos analíticos que se tiñan obtido dos diferentes parámetros indicadores da presenza e magnitude da contaminación dende o ano 2020, o último ano no que a DX tiña facilitado esta información.

Pedíase tamén no escrito, que se investigara unha práctica que a propia empresa aseguraba estar a realizar e que consiste na mestura de augas residuais contaminadas procedentes da factoría coas augas naturais existentes nas tres balsas “de emerxencia”, unha mestura recoñecida expresamente pola empresa en 2012, cando indicaba que a levaba a cabo “sobre todo para diminuír a temperatura das augas residuais tratadas á saída dos decantadores secundarios, no caso de ser necesario”. Dende que a empresa revelara estas prácticas, a APDR vén solicitando que se investiguen e se impidan, dado que a rebaixa dos niveis de contaminación pola dilución dun vertido en auga limpa está expresamente prohibida pola lei 9/2010, de augas de Galicia. Porén, a Administración limitouse a indicar á empresa que a mestura estaba prohibida e nunca investigou acerca desas actuacións ilegais nin estableceu medidas para evitalas.

Si ben é certo que con anterioridade se tiña remitido sempre dende a DX a información solicitada, nesta ocasión non ten sido enviada. Así pois, a DXCASCC, ten dado un paso atrás no que se refire ao cumprimento das súas obrigas legais e négase ademais a exercer a súa función xa que é o Órgano que “exercerá as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana…”. Esta negativa, que só pode ter o obxectivo de defender a ENCE ocultando e amparando as súas malas prácticas e a súa contaminación (defensa que sempre exerceu a Xunta de Galicia), vai agora máis alá xa que ocultando os datos de contaminación, evita a acción cidadá na defensa da Ría de Pontevedra.

Para nós, esta crecente opacidade podería gardar relación con quen exerce como Directora Xeral, María José Echevarría Moreno, parella de Antonio Casal Lago, Director Territorial de ENCE. A APDR xa fixo notar esta aberración cando se produciu o nomeamento, en setembro de 2024, facendo ver a falta de hixiene democrática que supoñía nomear como controladora da contaminación á parella do responsable da industria máis contaminante de Galicia.

Dende a APDR queremos denunciar a actitude da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático que, no seu afán de defender ENCE, négase a investigar actuacións ilegais realizadas e recoñecidas pola propia empresa, unha DX que incumpre a lexislación que regula o dereito cidadá á información en materia de medio ambiente, que despreza o dereito á acción cidadá que ampara o artigo 125 da Constitución española, e que está ocupada por unha persoa cun vínculo directo co Director Territorrial de ENCE, a empresa que lle correspondería vixiar.

 

Ver tamén: https://www.apdr.info/wp/2017/05/06/denunciamos-en-lourizan-a-trama-politico-familiar-de-ence-xunta-pp/ 

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print