Na actualidade, o problema da vivenda é o maior problema na nosa sociedade.
Vivenda e medio ambiente van da man… de feito “ecoloxía” fai referencia ao fogar (oikos=casa).
Apdr non pode ser allea a esta cuestión, e considera necesario aumentar o grado de coñecemento sobre o tema, sobre as posíbeis solucións, sobre o sindicato de inquilinos, etc.
Que mellor xeito de abordalo que convidando a Javier Gil, grande coñecedor deste tema e, entre outras cousas, fundador dese sindicato.
🔹Generación Inquilina, o problema da vivenda a debate co autor Javier Gil e o xornalista Ramón Rozas.
Este xoves 18 de xuño ás 19:30h na facultade de Belas Artes, Pontevedra.
“O PROBLEMA DA VIVENDA, A DEBATE”
A “APDR” PRESENTA O LIBRO “GENERACIÓN INQUILINA” DE JAVIER GIL
Organizada pola “ASOCIACIÓN POLA DEFENSA DA RÍA” (APDR) en colaboración coa Libraría PAZ e a Editorial CAPITÁN SWING, o vindeiro XOVES 18, a partir das 19:30h no Espazo 16 da FACULTADE DE BELAS ARTES de Pontevedra, terá lugar a presentación do libro “GENERACIÓN INQUILINA” de JAVIER GIL.
JAVIER GIL, doutor en Socioloxía e Investigador do “Consejo Superior de Investigaciones Científicas” (CSIC), posúe unha excelente formación académica no eido do estudo da socioloxía urbana, as políticas de vivenda e as plataformas dixitais e os movementos sociais que loitan polo dereito á vivenda, unha formación que vén apoiada polo seu traballo como investigador postdoctoral en centros de relevancia científica coma o Institute for Housing and Urban Research da Universidade de Uppsala (Suecia). Mais alá da súa formación académica, Javier Gil, é tamén un activista comprometido na defensa dun modelo de políticas de vivenda baseadas no dereito a habitar, na xustiza social e na democratización do territorio, un modelo defendido polo chamado “sindicato de inquilinas”, en cuxa fundación ten participado.
Para a “APDR”, vivenda e medio ambiente están intimamente ligados (de feito o termo “oikos”, do que deriva “ecoloxía”, fai referencia á casa, ao fogar), polo que como colectivo ecoloxista, non podemos ser alleos a esta cuestión. A “crise da vivenda” é, sen dúbida, un dos maiores retos deste tempo que nos tocou vivir. Tal como afirma Javier Gil no seu libro, “trátase dun problema que non é conxuntural, senón estrutural e político”. Con efecto, no modelo capitalista contemporáneo, no que a especulación é o motor que sostén a economía, os altos prezos da vivenda fan que a inmensa maior parte da poboación non poda acceder a una vivenda en propiedade. E xorde así unha nova xeración (“a xeración inquilina”), que vive de aluguer non por elección, senón por exclusión. Esta nova situación está fracturando os cimentos do benestar e acelerando a desigualdade. O mercado do aluguer converteuse xa na fonte principal de empobrecemento, e o acceso á vivenda no factor que define quen pode desenvolver a súa vida con seguridade e quen queda condenado á precariedade.
Queremos abrir, pois, con este acto, un debate na nosa vila sobre unha cuestión de absoluta actualidade e que está a marcar xa un antes e un despois no modelo do mercado de aluguer e, en definitiva, no modelo de vida para unha inmensa maioría das persoas e, moi particularmente, para a mocidade.
E para conducir este debate, contamos cun presentador de excepción: RAMÓN ROZAS. Licenciado en Historia do Arte pola USC e cunha extraordinaria traxectoria como crítico de arte e literatura, ocúpase na actualidade das tarefas de organización dos arquivos do Diario de Pontevedra, xornal no que, ademais, nos deleita todas as semanas cunha colaboración excepcional, tanto polo seu contido temático como pola súa calidade literaria.












