A “APDR” presentará recurso de alzada contra a Conselleira de economía e industria por non facilitar a información solicitada sobre o arquivo do proxecto de ALTRI.


O pasado 1 de abril, a “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR), solicitou á Conselleira de Economía e Industria (Xunta de Galicia) información sobre a decisión de arquivar o expediente doun proxecto promovido pola empresa Greenfiber S.L. (propiedade do Grupo ALTRI S.L.U.) que tiña coma obxectivo a instalación dunha planta de fabricación de fibra téxtil a base de pasta de celulosa solúbel en terreos do municipio de Palas de Rei (Lugo). De acordo coas declaracións da amentada Conselleira, esta decisión -adoptada o 20 de febreiro pola Xunta de Galicia- “o arquivo e caducidade do proxecto está vinculada á falta de conexión eléctrica” como consecuencia da decisión do Goberno Central de excluír o proxecto da planificación enerxética 2025-2030.

Ao descoñecer o acto administrativo polo que a Xunta decidía arquivar o expediente, faciamos ver a dificultade para coñecer o alcance do arquivo do proxecto. Neste sentido, apuntabamos que “poderíamos estar diante do contemplado no parágrafo segundo do apartado 1 do artigo 21 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do ‘Procedimiento Administrativo Común de las Administraciones Públicas’, que exime á Administración da obriga de ditar resolución expresa e da súa notificación”. Entendiamos que, “de ser esa a circunstancia considerada pola Xunta para arquivar o procedemento, abondaría coa indicación dos feitos producidos e a declaración das circunstancias que concorren no particular”. E solicitabamos copia do acto administrativo polo que se decidiu o arquivo ou a caducidade do expediente administrativo do proxecto de ALTRI.

Como queira que desde a Consellería afirmábase que a decisión do arquivo foi comunicada á empresa para que presentase alegacións (un requisito que debería ter sido obviado de terse aplicado o recollido pola Lei 39/2015 no artigo antes amentado), solicitabamos tamén copia da resolución/comunicación dirixida pola Xunta a ALTRI.

Pois ben, transcorrido o prazo de 3 meses que fixa a Lei antes citada como máximo para notificar a resolución (apartado 3 do artigo 21), sen ter recibido notificación ningunha ao respecto, e sendo parte interesada no asunto que nos ocupa, na APDR temos decidido presentar recurso de alzada contra a Consellería pola negativa a facilitar información, unha actitude contraria a Lei 39/2015, máis tamén á Lei 27/2006, do 18 de xullo, do “Derecho de acceso a información en materia de medio ambiente”.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print