A “APDR” solidarízase coa veciñanza de Os Praceres (Lourizán)


A “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR), quere amosar o seu apoio solidario á veciñanza de Os Praceres, que hai tempo vén denunciando diante de Augas de Galicia e a Xunta as molestias provocadas polos ruídos e cheiros procedentes da EDAR situada naquela zona, uns ruídos e cheiros que se veñen sumar aos provocados pola veciña fábrica de ENCE e que son máis acusados en situacións de calor intenso.

Para a APDR resulta difícil de entender que nin Augas de Galicia nin a Xunta de Galicia dispoñan de medios técnicos que permitan exercer un control eficaz, permanente, sobre os focos de emisión de cheiros e ruídos na zona, pois só así será posíbel establecer responsabilidades e tomar as medidas que poñan fin ao problema. Así pois, como primeira medida, esiximos á Xunta de Galicia que exerza as súas funcións e dispoña un control permanente nos focos de emisión de cheiros e ruídos na EDAR e na Celulosa, un control que permita coñecer en tempo real a situación e que, ademais, facilite o acceso aos datos a calquera persoa interesada.

Temos coñecemento da resposta de Augas de Galicia a algunha das últimas solicitudes veciñais, unha resposta na que lonxe de aportar solucións, o Xefe do Servizo de Xestión de Abastecemento e Saneamento, Sr. Barrio, bota balóns fóra e supedita calquera medida á construción da ampliación da depuradora. E afirma o Sr. Barrio que a EDAR de Os Praceres data de 1995 e que as súas instalacións esgotaron a vida útil, esquecendo a actuación “Mellora do proceso de depuración da EDAR dos Praceres” posto a información pública no 2018 e rematado no ano 2022, un proxecto ao que a APDR presentou numerosas alegacións. Pois ben, ese proxecto promovido pola Xunta de Galicia, recibiu o XIII Premio San Telmo (1) entre outras cousas porque “permite ampliar la capacidad de tratamiento de la EDAR sin necesidad de ocupar más terreno”. En que quedamos? Sobran os comentarios…

Por outra banda, no ano 2019, no trámite de información pública do “Proxecto de ampliación da EDAR de Praceres”, promovido por Augas de Galicia -un proxecto que rexeitabamos- desde a APDR chamabamos a atención sobre moitos aspectos fundamentais; citaremos algúns:

1º.- A opción elixida supuña a necesidade de ocupar 41.000 m2 en zona maritimo-terrestre (moitos deles na concesión de ENCE) mentres se rexeitaba (sen xustificación) a opción máis compacta, que ocuparía só 32.500 m2, e evitaría os problemas que hoxe provoca a ampliación proposta.

2º.- Optabamos por construír unha EDAR cuberta, que evitaría (ou paliaría, cando menos) os problemas ambientais e de saúde provocados polos cheiros e os ruídos, permitindo tamén unha maior integración paisaxística desta infraestrutura na zona.

3º.- Entendiamos necesario limitar a entrada de “augas” que agora chegan á EDAR; citabamos en concreto as pluviais e as procedentes da Ría, as procedentes de Poio, Vilaboa, o polígono do Campiño e o porto de Marín, que requiren solucións alternativas ao seu tratamento nesta EDAR.

Con seguridade, de ter aceptado Augas de Galicia moitas das nosas alegacións, a situación actual tería mudado substancialmente. Entre outras cousas, a “nova EDAR” cumpriría a normativa e as esixencias medio ambientais, dous aspectos que -tal como recoñece o Sr. Barrio no seu escrito, a EDAR actual incumpre.

Xa por último, e reiterando o noso apoio á veciñanza de Os Praceres, animamos á Xunta a ter en consideración á hora de tomar decisións, dous aspectos que van ser fundamentais no futuro da EDAR de Os Praceres e para a zona que hoxe ocupa: a evidencia da progresiva subida do nivel do mar nesa zona, consecuencia do inevitábel cambio climático, e a tamén inevitábel saída de ENCE da Ría, dous aspectos que van supor a recuperación deses terreos para uso e disfrute da cidadanía e un cambio fundamental na calidade ambiental da zona e a calidade de vida das persoas que viven nela. E fronte esta situación, con este horizonte inevitábel, a Xunta de Galicia non pode manter unha actitude pasiva, non pode agardar estoicamente á chegada da nova situación; ten que adiantarse e, responsabelmente, tomar decisións que anticipen o merecido benestar que o noso medio e a cidadanía levamos tempo esixindo.

1.- Premio outorgado polo “Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos” que distingue á mellor obra de enxeñería rematada nos anos 2022-2023

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print