Algunhas reflexións sobre ENCE e a utilización da auga do Lérez


Máis alá da evidencia de que é necesario establecer como norma escrita que en períodos de escaseza de auga, as poboacións que se abastecen do Lérez terán absoluta prioridade fronte aos usos industriais, convén reflexionar sobre o uso da auga do Lérez por parte da fábrica de Celulosa de Lourizán.

Desde o ano 1968 e até maio de 2022 a Celulosa dispuxo dunha concesión que lle permitía captar 1,5 m3/s. de auga no Lérez; a partir dese momento, Augas de Galicia fixou en 0,6 m3/s. o volume máximo que pode captar ENCE no Lérez, un volume que -de acordo co amentado Organismo público- está por riba das necesidades reais da fábrica, que nunca superan os 0,55 m3/s.

Hai que salientar que en abril de 2024, ENCE solicitou autorización a Augas de Galicia para poder utilizar as augas depuradas da EDARU de Os Praceres para, unha vez rexeneradas nas súas instalacións, empregalas no proceso de fabricación de celulosa; concedida a autorización, e tal como indica a Empresa na súa Memoria-Solicitude, ENCE obtén 2.160 m3/h (0,6 m3/s.) de auga rexenerada e de calidade, coa que pode desenvolver a súa actividade sen necesidade de captar auga do río Lérez. Porén, nunha recente nota de prensa, o CEO de ENCE, Ignacio de Colmenares, limita a utilización deste sistema de rexeneración da auga da EDARU aos períodos de baixo caudal no Lérez, polo seu elevado custe económico.

Así as cousas, na APDR queremos chamar a atención sobre algúns aspectos que non deberían pasar desapercibidos para ninguén:

1º.- O aumento continuado das temperaturas, como consecuencia do inexorábel avance do cambio climático, vai provocar que cada vez sexan máis os períodos de seca no río Lérez e, xa que logo, maiores as dificultades de abastecemento de auga para a cidadanía da comarca.

2º.- ENCE, como vimos de explicar, cos 0,6 m3/s. de auga depurada que aporta a EDARU de Os Praceres, ten auga abondo para -unha vez rexenerada nas súas instalacións- desenvolver o seu proceso produtivo. Debe, pois, deixar de captar auga no Lérez, non só nos períodos de seca, senón ao longo de todo o ano. Resulta insultante, neste sentido, que os seus directivos pretendan seguir captando auga do Lérez polo “elevado custe económico” que ten a alternativa de rexenerar a auga da EDARU.

3º.- Non se pode esquecer tamén, que o proceso de depuración da auga que ENCE recibe da EDARU, está sendo costeado pola poboación dos Concellos que tratan as súas augas residuais na amentada depuradora. Neste sentido, a Empresa debería asumir a parte do canon que corresponda ao caudal de augas recibido, liberando destes gastos aos contribuíntes, e máis cando ese auga -despois do seu uso no proceso de fabricación de pasta de celulosa- sae á Ría cunha elevada carga de contaminación.

Desde a APDR, esiximos á Xunta de Galicia que, mentres non se produza a inevitábel saída de ENCE de Lourizán, impida a utilización da auga do río Lérez para a fabricación de celulosa e que, ao tempo, adopte as disposicións necesarias para obrigar á Empresa a asumir a súa responsabilidade no pago do canon de depuración da auga aportada pola EDARU de Os Praceres. Neste sentido, instamos tamén aos Concellos que envían augas residuais a esta EDARU, a esixir á Xunta de Galicia a exención do canon de depuración correspondente ao volume aportado á Celulosa. Porque é de xustiza!

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print