Nun acto que estará conducido por Benito Andrade, Vicepresidente da “Asociación Pola Defensa da Ría” de Pontevedra (APDR), o vindeiro XOVES 5 DE NOVEMBRO ás 20:00 horas, no ESPAZO 16 da Facultade de BELAS ARTES, PRIMITIVO CARBAJO, escritor e xornalista cunha longa traxectoria profesional tanto na Galiza coma fóra das nosas fronteiras, presentará o seu último libro “UN PAÍS DE EUCALIPTOS”.
Trátase dun documentado ensaio narrativo no que o autor percorre montes e arquivos recollendo datos estatísticos máis tamén anécdotas e experiencias derivadas das conversas de campo, para desmontar mitos e dar a coñecer as estruturas de poder que
sosteñen o monocultivo desta especie nos montes galegos.
Análise económica, crítica política, memoria cultural e crónicas persoais, mestúranse de forma natural ao longo dos capítulos do libro, pois, como sostén o autor, “o eucalipto é moito máis ca unha árbore. É industria, é mercado global, é propaganda, é conflito político e social. É promesa de rendibilidade e tamén síntoma dun modelo forestal que marcou profundamente o territorio galego nas últimas décadas”.
Para a APDR é unha auténtica satisfacción que a primeira presentación do libro na Galiza sexa en Pontevedra, porque a presenza de ENCE en Lourizán (sen dúbida unha das razóns da creación da nosa Asociación) xogou un papel fundamental no proceso de
eucaliptización do noso país, con todo o que iso supuxo.
E dase neste momento unha circunstancia que entendemos aporta unha razón máis para achegarse o día 5 até Belas Artes: a Xunta de Galicia vén de flexibilizar aínda máis a “moratoria” vixente sobre a plantación de eucaliptos, de tal xeito que -na práctica- pode
levar á proliferación incontrolada deste cultivo en detrimento do bosque atlántico.
Estamos, pois, diante dunha oportunidade única para nós informar acerca da realidade actual dos nosos montes, das razóns que levaron ao monocultivo do eucalipto, sobre as causas dos incendios forestais… Máis tamén para afondar sobre os novos retos e oportunidades futuras para o bosque galego. Non a deixes pasar… Vémonos.




