Chegou o Outono e, da súa man, un novo MAGOSTO ASOCIATIVO vén encher de festa solidaria a pontevedresa Praza da Pedreira. Facendo caso ao noso refraneiro no tocante ao San Martiño, un ano máis (e xa van 5), daremos conta de castañas (de balde), chourizos, pan e viño; e nun espazo no que a festa, a música e a foliada estarán garantidas para crianzas e maiores, haberá tamén cervexa e falafel…
O vindeiro SÁBADO 7 DE NOVEMBRO, a partir das 18 horas, CÉ ORQUESTRA porá música e diversión co seu espectáculo especialmente dirixido ás crianzas e familias, unha actuación que dará paso despois -e sempre co son de fondo do crepitar no lume das castañas e os chourizos- á música e a foliada da man dos MORENOS PELUDOS e MARAVALLADA.
Un ano máis o tecido asociativo da cidade únimonos por unha causa xusta, e cada volta somos máis os colectivos que botamos esforzos para contribuír -de forma decidida e desinteresada- a acadar o noso obxectivo solidario. Nesta ocasión, acordamos adicar todo o arrecadado a apoiar ás organizacións que traballan a pé de rúa en Ceuta dando axuda directa ás persoas migrantes, xa que fronte ásatitudes racistas e reaccionarias, apostamos de forma clara polo apoio mútuo e por fomentar a tenrura entre os pobos. Agardámovos na Praza da Pedreira, onde os distintos colectivos organizadores do MAGOSTO instalaremos mesas coa propaganda e mercadurías específicas das nosas loitas particulares. Non faltedes…
ASOCIACIÓN CULTURAL “KENTADA”
ASOCIACIÓN CULTURAL “TREPIA”
ASOCIACIÓN CULTURAL “TRONEIRA”
“ASOCIACIÓN POLA DEFENSA DA RÍA”
“ATENEO DE PONTEVEDRA”
“BOA VIDA” INCLUSIÓN SOCIAL
CENTRO SOCIAL “A PEDREIRA”
“PONTEVEDRA CON PALESTINA”
O magosto conta co apoio do “Concello de Pontevedra” e da “Deputación de Pontevedra” (Programa CULTUREA)*
*.- Aínda sen confirmar




