Manifesto nos “Cantos na Maré” (Teatro Principal, 15/09/19)


“Unha maré de contaminación e desarranxo ambiental, inundou hai máis de 50 anos a nosa Ría enchendo de escumas e podremia o noso mar e de pestilentes cheiros as nosas vidas!

Daquela, unha noxenta fábrica ocupou o mellor dos bancos marisqueiros e os areais que se estendían sen apenas interrupcións entre Pontevedra e Marín.

E viñeron logo novas agresións en forma de vertidos, novos recheos e actuacións urbanísticas que completaron a destrución da Ría, da paisaxe, e da nosa economía.

Pechadas xa as fábricas de TAFISA e ELNOSA pola presión social e xudicial, a CELULOSA de ENCE tiña que ter pechado tamén no pasado 2018, ano no que finalizou a súa concesión en Lourizán…

…. pero o goberno en funcións de Mariano Rajoy, sempre submiso ós intereses da fábrica de pasta de papel, decidiu converter a CONDEA imposta polo franquismo á poboación pontevedresa, en CADEA PERPETUA, concedéndolle unha PRÓRROGA QUE SE TEN DEMOSTRADO ILEGAL!

Hoxe, nestes CANTOS NA MARÉ, ábresenos unha fiestra desde a que reivindicar unha Ría limpa e sen contaminación; desde a que reivindicar a depuración eficaz e eficiente de todos os vertidos á Ría e aos ríos que a conforman, y desde a que esiximos, en definitiva, un saneamento integral da nosa Ría, un saneamento que faga posíbel a explotación racional dos recursos marisqueiros, pesqueiros e turísticos, e que SÓ SERÁ POSÍBEL CO PECHE DEFINITIVO DA ACTIVIDADE INDUSTRIAL DE ENCE EN LOURIZÁN!

Pero reivindicamos tamén, uns montes diversificados nos seus usos, uns montes LIBRES DE INCENDIOS FORESTAIS nun mundo rural que, recuperando a poboación perdida, poida recuperar tamén o seu papel na economía galega!

E, para rematar, permitídeme que faga un especial fincapé na necesidade de participar na MOBILIZACIÓN POLO CLIMA que vai ter lugar en todo o mundo a vindeira semana, na necesidade de comprometernos na loita contra o cambio climático, un cambio climático ao que contribúe de forma importante ENCE no proceso de fabricación de pasta de papel a partir do eucalipto, pero tamén, coa queima ilegal de aceite usado na caldeira de biomasa.

Na Asociación Pola Defensa da Ría, NON IMOS RENUNCIAR á nosa aspiración de RECUPERAR O PARAÍSO QUE NOS FOI ROUBADO hai 50 anos coa chegada da CELULOSA; NON IMOS RENUNCIAR PORQUE SERÍA RENUNCIAR AO NOSO FUTURO, E PORQUE, ADEMAIS,….…. A RÍA É NOSA, E NON DA CELULOSA!”