Relativizamos o alcance do fallo sobre a caducidade de ENCE


” … Existen razóns abondo para decretar a caducidade total de ENCE”

Fronte á actitude triunfalista que adopta a empresa ENCE á hora de interpretar o fallo da Audiencia Nacional de desestimar o recurso presentado pola Asociación Pola Defensa da Ría contra a decisión do Ministerio de Medio Ambiente de declarar a caducidade parcial da concesión da fábrica de pasta de papel de Lourizán, a APDR quere contextualizala poñendo sobre a mesa algúns aspectos que non deberían pasar desapercibidos:

1.- ENCE pretende converter nun éxito un fallo que, tendo en conta algúns precedentes sobre este particular, era agardado, e que non fai mudar en absoluto a situación da empresa no que á súa continuidade en Lourizán se refire. Semella querer aproveitarse da febleza da memoria da maior parte da cidadanía, que terá esquecido xa que hai máis dun ano (o 7 de decembro de 2018) a Audiencia Nacional tiña desestimado tamén o presentado polo Concello de Pontevedra neste mesmo tema, un recurso que aínda sendo diferente nalgúns aspectos ao da APDR, perseguía tamén a declaración da caducidade total de ENCE.

 

2.- Neste sentido, debemos indicar que na APDR non causou sorpresa o sentido do fallo. Con todo, non estamos satisfeitas con algunhas cuestións de forma da resolución que, en boa medida, reproduce os argumentos -e o fallo- esgrimidos con anterioridade ao resolver o do Concello. Con efecto, e aínda que, inevitabelmente, algunhas cuestións propostas pola APDR figuraban tamén no presentado polo Concello de Pontevedra, eran moitas -no que fai aos incumprimentos das condicións medio ambientais que figuran como obrigas no título da concesión- que merecían, ao noso entender, un tratamento de maior calado e consideración.

 

3.- Na APDR seguimos entendendo que existen razóns abondo para decretar a caducidade total de ENCE -algunha delas similar as consideradas para decretar a caducidade total de ELNOSA- e estudaremos a posibilidade de recorrer diante do Tribunal Supremo; daquela, darémosvos conta da nosa decisión.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print