Novo vertido de augas fecais no Río pintos


Na mañá de hoxe xoves, varias persoas usuarias do “sendeiro do Gafos” puideron observar no río un aparatoso vertido de augas fecais que tiña a súa orixe nun sumidoiro existente na canle. Tal como se pode observar no video que xuntamos, todo indica que o vertido prodúcese a desbordar o sumidoiro pola chegada dun importante volume de auga de choiva, o que -evidentemente- fai pensar na inexistencia nese punto da necesaria separación de augas fecais e pluviais.

O sumidoiro en cuestión, está situado na canle do río Pintos, nas inmediacións do Marco e a escasos metros do punto onde se produce a confluencia entre o amentado río e o río Tomeza, e non é a primeira vez que se produce unha situación semellante á que agora denunciamos; moi ao contrario, esta situación vense producindo hai anos e foi denunciada en numerosas ocasións polo colectivo Vaipolorío e por nós mesmas, sen que de momento se teña arranxado.

Polo que sabemos, neste sumidoiro conflúen cando menos augas procedentes de Figueirido, entre outras as do cuartel, da parroquia de Bértola e outras zonas do Concello de Vilaboa, e das parroquias pontevedresas de Salcedo ou Tomeza e, como xa indicamos, ao longo dos respectivos percorridos dos colectores, vánselle sumando augas de choiva que, cando son abundantes, superan a capacidade das instalacións existentes e provocan estes vertidos no río.

Máis unha vez, desde a APDR queremos chamar a atención dos responsábeis municipais para que, dunha vez por todas se poña solución a este problema, se acometa unha verdadeira e eficaz separación das augas fecais e pluviais e se deseñen debidamente as instalacións de saneamento para que as augas do río Gafos e todos os seus afluentes manteñan a calidade que corresponde a un rio que polo seu emprazamento está chamado a xogar un importante papel no lecer e o esparexemento da cidadanía, a un río que -non o esquezamos- ten merecido hai un par de anos a declaración definitiva como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), un recoñecemento que nos obriga aos cidadáns e ás cidadás da comarca -e de forma especial a quen teñen responsabilidade de goberno- a coidalo e protexelo coma se merece.

Ver vídeo en https://fb.watch/3jrzKK37oG/

 

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print