Un novo vertido á Ría … e van?


Este domingo 14, cando estabamos agardando algunha información sobre a responsabilidade do último vertido que tiñamos denunciado, atopámonos cunha nova agresión no Lérez, desta volta á altura do náutico e co mesmo aspecto que os anteriores, que nos fai pensar que se trata de augas residuais urbanas.

Cónstanos que houbo xente que, como fixemos desde a APDR, denunciou esta situación tanto na policía local como no 112, e sabemos tamén que ambos os dous organismos inspeccionaron no río, polo que supoñemos terán aberto as oportunas dilixencias.

Pero, con independencia de que se teñan aberto ou non, a realidade é que hoxe luns a situación segue sendo a mesma de onte, por máis que o vertido teña unha menor intensidade que o que se podía observar o domingo.

Na APDR preguntámonos canto tempo máis teremos que soportar esta situación e cando se vai tomar unha decisión definitiva que supoña a eliminación absoluta dos vertidos ilegais aos ríos e á Ría.

Xa non somos quen de lembrar o número de “plans integrais de saneamento da Ría” prometidos pola Xunta de Galicia nin cantos millóns de euros foron gastados supostamente en solucionar este problema. Sí que sabemos que, como resultado dunha denuncia da APDR polo incumprimento continuado da Directiva 91/271/CE de augas residuais urbanas, o goberno galego foi condenado polo Tribunal Europeo en marzo de 2016 e que a situación de incumprimento da lexislación segue sendo moi semellante á que motivou aquela denuncia.

Esiximos que, dunha vez por todas, se eliminen estes vertidos, situación que non vai variar cos plans da Xunta de Galicia para a depuradora nin coa construción dun novo tubo emisario.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print