Máis sobre o vídeo de Colmenares


Ver vídeo do Sr. Colmenares no faceboock da APDR

Máis alá das repercusións xudiciais que poidan ter, e sen esquecer que xorden no contexto dunha campaña empresarial de chantaxe ás administracións e á cidadanía coa perda das inversións e o emprego, as declaracións do Presidente de ENCE, Sr. de Colmenares, tiveron a eventualidade de colocar a cada quen no seu sitio; deixaron ver a quen non o quería ver por máis que resultase evidente, que a verdadeira cara de ENCE é a da contaminación, a do desprezo polo medio ambiente, polos seus traballadores e pola vida das persoas, unha cara que intenta tapar con esmolas, mentiras e falsas promesas.

A Xunta de Galicia, por boca do seu Vicepresidente, pecha filas arredor da empresa e, de forma irresponsábel, asúmeas como propias, recriminando ao Goberno español que se negue a admitir a chantaxe de ENCE e asegurando -en contra do que di o Sr. de Comenares- que a empresa é absolutamente segura. Acusa a quen nos opoñemos á ilegalidade e ás presións, de seren responsábeis da perda de inversións en Lourizán, exculpando a ENCE da situación e eludindo a responsabilidade do Goberno galego por non ter obrigado á empresa a buscar, no seu día, un emprazamento alternativo que fixera posíbel a súa continuidade.

Pola súa banda, o Partido Popular local, en declaracións do seu presidente, Sr. Domínguez, pasou de mostrar unha dupla preocupación, pola inseguridade existente na fábrica que describía o Sr. de Colmenares e pola perda dos postos de traballo no caso do peche de ENCE, a esquecer de forma inexplicábel a primeira das preocupacións para denunciar que o peche da empresa convertería a Pontevedra “nun novo Ferrol”, unha comparación que ademais de supoñer unha ofensa para a cidade departamental -pola que xa foi recriminado polo seu alcalde- é un auténtico absurdo. O Sr. Domínguez, nun alarde de esaxerado alarmismo, permítese o luxo de comparar o problema que supuxo o peche do sector naval para Ferrol ou o peche da Citroen para Vigo co impacto que podería ter o peche de ENCE para Pontevedra. Descoñece que o número de postos de traballo directos nos estaleiros de Astano e Bazán pasou dos máis de 20.000 dos anos 70 aos apenas 2.000 actuais (e que a poboación baixou en 30.000 persoas), ou que a fábrica de PSA en Vigo ten agora uns 8.000 postos de traballo directos, datos para nada comparables cos 270 empregos directos da fábrica de Lourizán. E tampouco debe saber que os traballadores do sector naval e do automóbil, tiñan difícil re-colocación fóra desas empresas, mentres que os das oficinas centrais de ENCE e os que traballan no monte (os indirectos) poderían seguir traballando no subministro de madeira a outras empresas, e os directos terían doada re-colocación e mesmo poderían traballar no desmantelamento da empresa e na recuperación da zona.

Resulta certamente curiosa a liña de argumentación utilizada polos responsábeis da empresa en Pontevedra e polo Comité de empresa que, nun intento por defender a súa permanencia na Ría  ocultando a realidade, se esforzan en dicir que a fábrica é segura e que as declaracións do Sr. de Colmenares foron “sacadas de contexto”, dous argumentos dificilmente defendíbeis. Con efecto, resulta difícil defender que a situación da fábrica sexa distinta da descrita polo seu Presidente, a persoa que mellor debe coñecela, e tampouco se pode manter que as declaracións estean sacadas de contexto; pódese dicir que o video foi conseguido ilegalmente (aínda que tratándose dun video interno da empresa parece lóxico pensar que foi filtrado por alguén de ENCE, a saber con que obxectivo), pero as declaracións están absolutamente contextualizadas, no decurso dunha videoconferencia interna e co obxectivo de arengar aos traballadores para que exerzan presión sobre a cidadanía tirando da chantaxe emocional, e explicando que el xa se encargaba de facer a chantaxe noutras esferas para conseguir burlar a Lei.

E fronte a estas posicións de ENCE e o PP, está a posición do Goberno local de Pontevedra, sintetizada nas declaracións do alcalde Fernández Lores e do tenente de alcalde Tino Fernández, que con distintos matices, critican as declaracións do Sr. de Colmenares e os intentos de chantaxe ás administracións e á cidadanía, e optan polo traslado da empresa e o mantemento dos postos de traballo.

Desde a APDR, chamamos á cidadanía a non admitir máis presións e esixir que, dunha vez por todas, ENCE deixe de poñer en perigo o medio ambiente e ás persoas e asuma a súa responsabilidade abandonando Lourizán, un emprazamento que a inmensa maior parte da poboación considera desafortunado, e que por Lei debería ter abandonado no 2018. Se é certo que ENCE está disposta a investir máis de 400 millóns de euros nunha fábrica obsoleta como a de Lourizán, non se entende a negativa a investir 700 na instalación dunha fábrica nova nunha zona na que non cause os problemas que provoca na Ría.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print