Presentada denuncia no Xulgado de Garda contra o Presidente de ENCE


Ver vídeo do Sr. Colmenares no faceboock da APDR

Na mañá do día 3, a Asociación Pola Defensa da Ría presentou denuncia no Xulgado de Instrución de Garda contra o Presidente de ENCE, Sr. de Colmenares, polas recentes declaracións sobre a situación de perigosidade das instalacións da fábrica de Lourizán. A denuncia, tal como xa temos adiantado no seu día, céntrase en dúas cuestións fundamentais; dunha banda polo feito de teren tentado chantaxear repetidamente a un alto cargo do Goberno, e doutra, polo feito de que coñecendo que a situación actual da fábrica pode derivar nun episodio ambiental de gravidade, con afectación ás persoas, se non se realizan inversións na mesma, decide non investir e permitir que a fábrica continúe traballando nese estado, poñendo en risco o medio ambiente e as vidas dos traballadores e a poboación da contorna.

Á APDR parécelle de suma gravidade que o Sr. de Colmenares acuda ata 7 veces a reunirse co Secretario do Estado para que modifiquen un texto legal que, hai que lembrar, estivo en exposición pública e ENCE puido alegar o que considerase oportuno. Pretender cambiar un texto legal mediante a presión aos órganos do Goberno, non é admisíbel nun Estado democrático, e mesmo poida que se trate dun feito delituoso.

Polo que fai ao estado da caldeira, debemos darlle credibilidade ao manifestado polo Sr. de Colmenares e, xa que logo, aceptar que a caldeira de recuperación de ENCE non cumpre cos mínimos esixíbeis de seguridade para o medio ambiente e para as persoas; neste sentido, que validez poden ter as certificación medio ambientais publicadas pola fábrica de pasta de papel?

Nesta situación só cabe actuar para evitar que ese risco grave existente chegue a provocar ese “susto maiúsculo” do que fala o Sr. Presidente e que mesmo pode afectar ás persoas. Decidir non facelo se non se garante a permanencia da empresa en Lourizán máis alá do 2033 é optar, de forma deliberada e consciente, por atentar contra o medio ambiente e a integridade física das persoas, un feito que cualificamos de extrema gravidade e que pode ter implicacións penais.

Á vista destes feitos, desde a APDR solicitamos a incoación das dilixencias previas para investigar e depurar as responsabilidades penais que se poidan derivar dos feitos denunciados e que se cite ao Sr. de Colmenares para prestar declaración como imputado.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print