O Secretario de Estado e a Directora Xeral de Costas dannos a razón


Tal e como comunicamos onte aos medios, a “Asociación Pola Defensa da Ría” mantivo na mañá de hoxe unha entrevista telemática co Secretario de Estado para o Medio Ambiente, Hugo Morán, e a Directora Xeral de Costas, Ana Mª Oñoro. Na amentada entrevista, que transcorreu nun clima de absoluta afabilidade, participaron pola APDR, o avogado Vicente Legísima, Benito Andrade e Antón Masa, vicepresidente e presidente da APDR, respectivamente.

O tema central da entrevista xirou arredor do proxecto de Lei de Cambio Climático e, sobre todo, no que fai ao seu artigo 18, que ten dado lugar a unha inusitada (e interesada) polémica que na APDR -e no propio Ministerio- non acabamos de comprender. Con efecto, e así nolo confirmaron os representantes do Ministerio de Transición Ecolóxica, estáselle atribuíndo a este artigo 18 unha transcendencia que para nada ten. Temos razón quen, como a APDR, vimos defendendo que o prazo máximo de 75 anos de permanencia dunha instalación en terreos de dominio público marítimo-terrestre (incluídas as prórrogas), vén fixado pola Lei de Patrimonio do Estado, unha Lei de rango superior á que hoxe se discute, mentres que a Lei de Costas reformada polo PP no ano 2013, limita (no seu artigo 32) a permanencia nestes terreos a aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza, non poidan ter outro emprazamento, unha circunstancia que non se cumpre no caso de ENCE. E nada modifica este artigo 18 a situación que vimos de describir, unha situación que -de cumprirse a Lei- obrigaría a ENCE a abandonar Lourizán sen sequera agardar a que se cumpran os 75 anos de permanencia establecidos para aquelas actividades que teñan dereito ao uso do dominio público. E o mesmo se pode dicir para as actividades relacionadas coa industria mar-alimentaria, que en nada se verán afectadas polo artigo 18 da Lei. Moi ao contrario, e tal como vimos defendendo na APDR, estas actividades están reguladas pola Lei de Pesca de Galicia, unha lexislación autonómica que, ademais, fixa unhas prórrogas inferiores ás establecidas no proxecto de Lei de Cambio Climático.

Neste sentido -e tal como pensamos tamén na APDR- dixeron non entender a posición da Xunta de Galicia e dalgunhas forzas políticas que -coñecedoras das circunstancias que vimos de expoñer- esixen a retirada deste artigo da Lei, unha retirada que nos teñen confirmado non se vai producir. De feito, onte mesmo tense dado o primeiro paso para a tramitación parlamentar da Lei co artigo 18.4 na súa redacción actual. Comentaron que, se todo transcorre como é de agradar, a finais de abril a Lei poderá estar remitida ao BOE para a súa publicación.

Tal e como nos fixeron chegar Morán e Oñoro, o Ministerio traballa co horizonte do ano 2033, no que se cumprirían os 75 anos desde a concesión dos terreos en Lourizán, como data tope para a permanencia de ENCE na Ría. En todo caso, e tendo en conta que a decisión sobre a legalidade ou non da prórroga de ENCE está nas mans da Audiencia Nacional, haberá que agardar ao fallo do tribunal para adoptar, no seu caso, calquera decisión.

Fixémoslle ver aos altos cargos ministeriais que a situación que debuxan ENCE, Xunta de Galicia e PP no caso do peche da empresa, unha situación de catástrofe absoluta para a nosa comarca, non ten nada que ver coa realidade, reflexionando ao respecto o Sr. Morán no sentido de entender as situacións particulares que se poidan producir, engadindo que “a suma dos intereses individuais, non da como resultado o interese xeral”, unha forma gráfica que axuda a interpretar a situación e que -ao noso entender- reafirma as nosas posicións ao respecto.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print