Valoración de urxencia da APDR sobre a anulación da prórroga a ENCE


Á espera do fallo da Audiencia Nacional sobre o recurso presentado pola nosa Asociación contra a prórroga concedida a ENCE no ano 2016 (un fallo que en calquera caso será semellante ao que agora valoramos), desde a APDR queremos expresar a nosa inmensa ledicia polo fallo do amentado Tribunal no recurso presentado no seu día polo Concello de Pontevedra. Ledicia porque o Tribunal vén de darnos a razón a quen, desde o primeiro momento, falamos da ilegalidade da prórroga concedida polo goberno en funcións de Mariano Rajoy. Vén de dar a razón á inmensa maior parte da poboación da comarca que soportou insultos e ameazas por parte dunha empresa que pretende comprar bandullos agradecidos mediante esmolas!

Tal e como viñemos defendendo, a única decisión respectuosa coa legalidade vixente era a de declarar a NULIDADE DA PRÓRROGA, decisión finalmente adoptada pola Audiencia Nacional. Desde este mesmo momento, ENCE non pode continuar en Lourizán! Certo é que ENCE pode recorrer ao Tribunal Supremo e mesmo a outras instancias superiores, pero -con seguridade- con escasas posibilidades de éxito! Dificilmente poderán atopar un argumento co que xustificar a necesidade de permanecer en dominio público e rebater diante do Supremo os presentados en contra desta posición na sentenza agora ditada. Trátase do inicio do fin da presenza de ENCE na Ría de Pontevedra e dunha vitoria colectiva da sociedade pontevedresa e da comarca, o inicio do fin dunha loita longa e constante liderada pola Asociación Pola Defensa da Ría, que non rematará até conseguir a recuperación da Ría, o seu saneamento integral, para que a explotación racional dos recursos naturais e turísticos sexa a fonte de traballo e lecer que foi tempo atrás e que nunca debeu terse perdido coma modelo de desenvolvemento sustentábel da nosa comarca.

Trátase dunha derrota sen paliativos de ENCE e de quen, como o PP, a Xunta de Galicia e o seu Presidente Núñez Feijóo, levan anos defendéndoa en contra da Lei, do sentido común e do interese xeral. Resulta penoso e mesmo vergoñento, ver como unha vez coñecida a sentenza (rotunda e clara onde as haxa!), a Xunta de Galicia -en declaracións do seu Vicepresidente segundo, Francisco Conde- teña saído ao paso reafirmándose na súa aposta por manter ENCE no seu actual emprazamento en contra da Lei! Lonxe de recoñecer os seus erros pola defensa a ultranza dos intereses particulares dunha empresa, insisten en cualificar a decisión xudicial -á que se atreven a considerar unha decisión política!- como un golpe irreversíbel para Galiza. Trátase, en todo caso, dun golpe irreversíbel para unha empresa ilegal, un golpe que os seus directivos -coa conivencia submisa do Goberno galego- se encargaron de preparar e que se podería ter evitado de non se ter actuado en contra da lei durante tantos anos!

Neste momento, e á espera de que a sentenza sexa firme para analizar a nosa estratexia xudicial futura, desde a APDR queremos facer unha serie de preguntas en voz alta que xorden logo de analizar a sentenza. Non haberá que depurar responsabilidades daquelas persoas que teñen tomado a decisión de conceder unha prórroga de forma ilegal a ENCE? Non hai responsabilidade ningunha nos dirixentes políticos que, en contra da Lei e con numerosas evidencias enriba da mesa, apoiaron a permanencia de ENCE en terreos de dominio público? Non vai haber ninguén que, por respecto á Lei, pida desculpas a quen mantivemos acesa a loita pola defensa da razón e a Lei e tivemos que aguantar descualificacións, insultos e mesmo ameazas?

Xa por último, queremos dar os parabéns ao Concello de Pontevedra e a todas aquelas persoas e organizacións que, ano tras ano, veñen dando apoio a esta loita, unha loita que transcende o ámbito do puramente ambiental e local para converterse nunha das principais loitas políticas da nosa comarca pero tamén do noso país!

E animar a todos os colectivos que loitan contra a inxustiza e a depredación ambiental e social do noso país… Animalos para que saiban que cando unha loita é xusta, cando se ten a razón e se fai
prevalecer o rigor e a perseveranza contando co respaldo da sociedade organizada, remata por dar os froitos desexados. Haberá tempo para celebralo!

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print