Mani de Touradas Fóra de Pontevedra. 12 de agosto de 2023


O sábado 12 de agosto estivemos de mani con Touradas Fóra de Pontevedra

Ver Manifesto lido:

Boa tarde, amigas e amigos!

Aquí estamos, máis un ano, unidas pola idea de que a tortura non é arte nin cultura, xuntas para loitar polo fin das touradas na nosa cidade. Outro ano máis, somos moitas as que nos reunimos nesta praza despois de percorrer as rúas de Pontevedra para espallar e facer máis visíbeis as nosas reivindicacións. Somos moitas, si, mais infelizmente non estamos todas: esta vez fáltanos Malú.

E é que temos que dicir que este ano é para nós especial, fáltanos a voz e a forza dunha compañeira que nos deixou antes de tempo e que estaba implicada a fondo na loita abolicionista desde o inicio. Esperamos que non vos importe que nesta ocasión o noso manifesto final vaia dedicado a ela, á nosa Malú, a lembrala con cariño e a destacar a súa implicación. Sen a súa entrega, ano tras ano, quizá Touradas fóra de Pontevedra non estaría aquí, e seguro que a loita polo fin das touradas tería menos forza.

Porque cómpre falar de entrega cando o compromiso cunha causa perdura tanto tempo. Porque parece que foi onte, mais Touradas fóra de Pontevedra leva existindo desde 2010, xa choveu! E non é só que Malú participase activamente desde o comezo, é que xa estaba implicada desde antes no movemento antitouradas e na defensa dos animais. Sabemos que na nosa sociedade, tan individualista, é raro que alguén manteña durante tanto tempo o compromiso cunha causa colectiva da que non obtén ningún beneficio material, por iso é necesario destacar o seu exemplo: cantas Malús nos fan falta nestes tempos tan incertos!

Malú estivo nas manifestacións, nas asembleas, nas conferencias de prensa, na organización de actividades, rodeando a praza de touros, tirando fotos, recollendo sinaturas, en xuntanzas con outros colectivos, colando cartaces na rúa, vendendo material para autofinanciarnos ou en reunións con institucións ou partidos políticos (nesas nas que conseguimos compromisos máis simbólicos que reais). Foi unha todoterreno!

Mais non foi só iso o que nos achegou Malú. Non foi só o seu activismo o que nos une a ela. Tamén nos unen os vínculos que creou o convivio entre persoas tan dispares como as que durante estes anos participamos nalgún momento en Touradas fóra de Pontevedra. E a nosa Malú era alguén moi especial para nós, unha tía con carácter e unha compañeira que se facía querer aínda que lle gostase presumir de ser un pouco “toxo”. Mais todas as que a coñecemos sabemos que tiña un grande corazón e que merece levar ese título tan galego de “boa e xenerosa”.

Sabemos que a mellor maneira de lembrala é seguir na loita. Temos aínda moito por facer epor conseguir. Os empresarios da tortura animal teñen apoios que non dubidarán á hora de acabar co que xa conseguimos para, por exemplo, incrementar de novo o financiamento público ou a publicidade ás touradas, así que temos que estar alerta ante as medidas que tome o novo goberno da Deputación. Tamén temos que seguir a facer forza para que o Concello acabe dunha vez co convenio que mantén cos propietarios da praza de touros, unha forma de financiamento indirecto das touradas que non ten xustificación. Veremos se o talante do goberno municipal muda ou se prefiren seguir a ignorarnos, quizá teñan máis que perder do que calculan.

E falta, sobre todo, seguir a pelexar por unha nova Lei de Protección Animal galega que prohiba as touradas no noso país. A grande maioría do pobo galego non as quere, nin as defende, nin aportan nada cultural nin economicamente. Só se manteñen por un empeño ideolóxico do Partido Popular e pola presión do lobby da tortura animal. Isto ten que mudar; e coa forza de todas nós, mudará.

Porque non teñades dúbidas de que o dia do fin das touradas en Galiza chegará, e será nun deses días de chuva dos que Malú tanto gostaba. A chuva e o vento limparán o sangue que os profesionais da barbarie deixarán tras de si por derradeira vez, e así desaparecerá tamén a vergoña e a raiba que sentimos as que temos que soportar que esta aberración siga a ter lugar ante os nosos ollos.

E aínda que nos falte fisicamente, Malú seguirá a acompañarnos e a darnos forzas para manter a loita viva. Grazas ao seu esforzo, e ao de tantas persoas máis, a abolición das touradas será un feito, e sabemos que ese día Malú tamén o desfrutará, e brindará pola vitoria cunha cervexa na man.

Moitas grazas pola vosa asistencia hoxe, e animádevos a participar con nós na loita pola abolición das touradas.

A tortura non é arte nin cultura!

Tauromaquia, abolición!

Ver vídeo da primeira parte da manifestación (aportación de Marta Gómez):

Ver fotos de Chano Andión (fai clic na imaxe de abaixo):

Ver fotos de Emi Ramirez (fai clic na imaxe de abaixo):

 

 

 

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print