Inauguración da exposición “Sempre máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galiza do Prestige”


O vindeiro VENRES DÍA 6, ás 20:00h, vaise inaugurar no PAZO DA CULTURA DE PONTEVEDRA a Exposición “Sempre Máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galiza do Prestige”, unha exposición que estará en Pontevedra até o 13 de novembro. Organizada pola Asociación “Unha Gran Burla Negra”, trátase dunha mostra que recolle material realizado polos colectivos integrados en “Nunca Máis” durante aquela catástrofe ambiental, pero tamén polos colectivos ecoloxistas galegos ao longo dos seus anos de protesta na defensa do medio ambiente.

Dentro desta exposición, a “Asociación Pola Defensa da Ría” ten un protagonismo moi especial, non só pola importante cantidade de material que aporta á mesma (algún nunca antes exposto publicamente), senón pola difusión do documental “Paraíso Roubado”, dirixido por Lukas Santiago e producido pola nosa Asociación.

Desde a APDR queremos facer un chamamento moi especial á cidadanía interesada na temática recollida na exposición, a participar na mostra nesta xornada inaugural, pois poderá contar coas magníficas explicacións do seu comisariado. Agardamos e desexamos poder contar coa vosa presenza neste acto inaugural máis, de non ser posíbel, que pasedes polo Pazo da Cultura ao longo das moitas xornadas que permanecerá aberta na nosa cidade. Certamente, paga a pena.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print