Defendamos a Illa de Tambo


Foto da APDR, da limpeza realizada o domingo 30 de agosto de 2015 na Illa de Tambo.

A ASOCIACIÓN POLA DEFENSA DA RÍA (APDR), que fai parte da Comisión de Seguimento da Illa de Tambo desde a súa constitución, vén defendendo a necesidade de dar prioridade a súa defensa ambiental, vía adoptada por unanimidade no seo da comisión desde o momento que se aprobou o traspaso da titularidade da illa ao Concello de Poio. Así pois, consideramos fundamental continuar coa senda establecida colectivamente e formalizar a creación dunha ENIL (Entidade Natural de Interese Local) para Tambo, unha figura de protección que blinde esta xoia da nosa Ría contra accións que degraden a súa maltratada singularidade, e evitar así usos indebidos que poidan entrar en colisión co espírito do Prego de Condicións de Cesión de Titularidade asinado entre a Escola Naval e o Concello.

Na APDR estamos convencidos de que a ENIL potenciará a Illa coma un espazo natural único, posibilitará a recuperación dun ecosistema hoxe ocupado polo eucalipto ou a acacia, e favorecerá o deleite, a observación e a aprendizaxe da natureza, deixando a acción humana nun segundo plano e, en todo caso, aprendendo dos usos tradicionais que a veciñanza de Combarro daba a Illa para sacar sustento alimentario da terra e do mar, sen alterar a súa conservación ambiental e paisaxística.

Neste sentido, non entendemos os titubeos observados agora na Comisión, que semella deixar nun segundo plano a creación da ENIL para potenciar un Plan de Usos no que, ao noso entender, existen propostas (é o caso das instalacións hoteleiras…) que entran en contradición con esta protección ambiental que reivindicamos e cos criterios establecidos no momento da cesión ao Concello.

Na APDR sabemos que a figura xurídica da ENIL obriga a tomar medidas de conservación e protección de hábitats naturais, uns hábitats que a día de hoxe están ameazados, entre outras cousas pola contaminación procedente do emisario de ENCE, emprazado nas inmediacións da illa e que impide a aplicación dunha figura de protección de rango superior; e sabemos tamén que a Xunta de Galicia debe dar a conformidade a esta ENIL e decidir sobre a súa conformidade ou rexeitalo e optar pola continuidade da degradación da nosa illa. Agardemos que, nesta ocasión, aposte pola defensa do interese común fronte á defensa dos intereses particulares dunhas poucas persoas.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print