A “APDR” denuncia un novo episodio de mortaldade de peixes na Ría


 

Na tarde-noite de onte sábado, fomos alertados por unha veciña da existencia dunha elevada cantidade de peixes mortos na ría e no río Lérez, concretamente na zona que vai desde a fábrica de ENCE e a ponte de Santiago, mortaldade que queda reflectida nas fotos que nos remite e que agora nós xuntamos a esta nota informativa.

Aínda que na APDR descoñecemos se pode existir ou non algunha relación causa-efecto co feito denunciado, queremos deixar constancia de que a mortaldade de peixes coincide no tempo coa existencia en Pontevedra dun forte cheiro a Celulosas e, tamén, cunha xornada de intensa choiva que fixo que a Xunta de Galicia activase o plan de risco de inundacións no río Lérez.

Desde a APDR, que demos conta da amentada mortaldade ao Servizo de Urxencias 112, entendemos que son demasiadas as ocasións nas que se repiten situacións como a que agora denunciamos sen que se chegue a saber sequera a causa que as provocou. Neste sentido, chamamos a atención das Administracións con competencia nesta materia para que actúen coa celeridade e responsabilidade necesarias para determinar as causas que poidan estar detrás da mortaldade agora denunciada pero, tamén, para evitar no futuro feitos semellantes.

A Ría de Pontevedra (como sucede noutras rías galegas) está a atravesar unha situación altamente preocupante, unha situación que está a sufrir de forma moi evidente o sector marisqueiro tradicional, enfrontado á progresiva perda de produción e -xa que logo- de ingresos económicos. Resulta evidente que o cambio climático, instalado xa na nosa zona xeográfica con consecuencias moi evidentes sobre o medio e o clima, é un dos factores que están a provocar esta situación, pero o saneamento da Ría, a recuperación da calidade das súas augas, sometida hoxe á  contaminación provocada por multitude de vertidos de orixe doméstico ou industrial, é unha necesidade que as Administracións non poden eludir por máis tempo.

Desde a “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra” esiximos que -dunha vez por todas- se poña freo a esta situación insostíbel, denunciamos a incapacidade da Xunta de Galicia para facer fronte ao saneamento das Rías galegas, e facemos un chamamento a todas as organizacións sociais da nosa comarca para, de forma conxunta, tratar de evitar que esta situación acade límites que fagan irremediábel a perda definitiva da nosa Ría para o que é a súa vocación natural, a explotación racional dos recursos marisqueiros, da pesca e as actividades turísticas e deportivas sustentábeis.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print