16 de xuño: MARCHA CONTRA CELULOSAS. Nin ENCE na Ría, Nin ALTRI na Ulloa


NIN ENCE NA RÍA, NIN ALTRI NA ULLOA …

CELULOSAS FÓRA !!!

Cando en 1958 o goberno franquista decidía instalar unha celulosa en Galiza, pousou os seus ollos en Pontecesures por consideralo o lugar idóneo. A oposición dos pescadores do Ulla e da Ría de Arousa, a suposta menor riqueza marisqueira da nosa Ría, e -sobre todo- a inexistencia de lexislación ambiental para os vertidos ao mar, fixo mudar o seu emprazamento para Lourizán; e non é pouca a xente que xustifica aquela aberrante decisión por se tratar dun goberno autoritario e falto de sensibilidade ambiental; hoxe, din, ningún goberno sería quen de facelo.

Pois ben, o tempo deixou ver o errado daquela afirmación; hoxe, igual que daquela, o goberno corrupto da Xunta de Galicia, opta por potenciar un modelo económico depredador dos recursos naturais, do medio ambiente, a saúde e a calidade de vida das persoas, en beneficio duns poucos, vendendo o patrimonio cultural, ambiental e paisaxístico do pobo galego a quen máis ofreza.

Hoxe, a Xunta de Galicia apoia submisamente a absurda e ilegal permanencia de ENCE na Ría, e mesmo auspicia a ampliación das súas instalacións, o aumento da produción, do consumo de auga e materias primas e, consecuentemente, o dos vertidos e emisións á atmosfera, dos cheiros e ruídos e, en definitiva, o dos danos ambientais e as molestias á veciñanza, que vai sufrir ademais- o aumento do impacto visual e paisaxístico da fábrica.

Hoxe, a Xunta de Galicia, apoia e promove tamén o proxecto de celulosa que a portuguesa ALTRI quere instalar en Palas de Rei, unha fábrica que -máis aló da incidencia ambiental no encoro de Portodemouros, no río Ulla e na Ría de Arousa- vai afectar coas emisións atmosféricas, cheiros e ruído á saúde das persoas e á calidade de vida da comarca, unha comarca que ten na agricultura e na gandería ecolóxicas e no turismo ligado ao camiño de Santiago, o seu medio de vida.

Na APDR non somos alleos á loita contra a instalación de ALTRI no corazón de Galiza; sabemos que esa loita e a que mantemos pola saída de ENCE da Ría, fan parte da loita polo obxectivo común dun futuro digno e sustentábel para as persoas, un futuro baseado na explotación racional dos nosos recursos e incompatíbel co modelo que defende a Xunta de Galicia. Por iso, hoxe máis que nunca, berramos CELULOSAS FÓRA !

DOMINGO 16 DE XUÑO, ÁS 12 DA MAÑÁ

MARCHA CONTRA AS CELULOSAS

Saída das Alamedas de MARÍN e PONTEVEDRA

Xa despregamos as faixas da convocatoria:

Xa presentamos a Marcha aos medios de comunicación:

“Cun formato semellante ao de anos anteriores, o DOMINGO 16 DE XUÑO, ás 12:00, sairá das alamedas de Marín e Pontevedra unha nova marcha organizada pola “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR). A diferencia doutras ocasións, este ano trátase dunha MARCHA CONTRA AS CELULOSAS e, baixo o lema NIN ENCE NA RÍA, NIN ALTRI NA ULLOA… CELULOSAS FÓRA!, reivindícase a saída de ENCE da Ría e que non se instale a fábrica da portuguesa ALTRI nas terras da Ulloa.

Membros da Xunta Directiva da “APDR” quixeron deixar claro que a Asociación e a veciñanza da comarca non renuncian a un futuro sen ENCE na Ría e defenden a re-naturalización da zona hoxe ocupada pola fábrica de pasta de papel. Neste sentido, fixeron saber que o MÉRCORES 12 ás 19:30 convocan a unha CHARLA-DEBATE no Edificio Castelao de Museo provincial na que o Profesor da Escola Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña presentará un proxecto de futuro para esa zona, un proxecto realizábel e que abre novas vías á ilusión e á esperanza de ter unha Ría libre de contaminación e un futuro social e ambientalmente máis xusto e sostíbel.

Como novidade, entre a propaganda realizada este ano, destacan a edición dun novo número do boletín da Asociación, RÍA ABERTA, que recolle traballos relacionados cos obxectivos desta nova mobilización social. Apuntan que na MARCHA do 16 de xuño, terán un protagonismo moi especial as compoñentes da Plataforma ULLOA VIVA, que darán lectura ao manifesto final da Marcha.

Aseguran os membros da APDR que para a Asociación, a loita contra a instalación de Altri é parte da súa loita, que non van renunciar ata conseguir que non se instale en Palas de Rei porque “o que non queremos para nós, non o desexamos para ninguén”.

Xa comezamos coa colada de cartaces:

 

 

O mércores 13 teremos unha charla e debate sobre o Proxecto de re-naturalización dos terreos ocupados por Ence na ría de Pontevedra:

Charla-debate. O Proxecto de Re-naturalización do espazo ocupado por ENCE na Ría

 

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print