¿É SEGURO AGASALLAR TELÉFONOS MÓBILES E APARELLOS SEN FÍOS ÁS NENAS E NENOS?: OLLO! ELAS E ELES SON MÁIS VULNERÁBEIS


nadalbNeste Nadal, a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), coordinación galega da Plataforma Estatal Contra a Contaminación Electromagnética (PECCEM), lembra a nais e pais das alertas científicas e de distintas institucións europeas e internacionais sobre os riscos potenciais para a saúde das nosas fillas e fillos no uso de dispositivos sen fíos que emiten campos electromagnéticas (CEM) de radiofrecuencias (RF): teléfonos móbiles, teléfonos sen fíos, interfonos para a vixilancia dos bebés, dispositivos con Wi-Fi (tablets, smartphones),  xogos  e  xoguetes  con conexión sen fíos, etc.

Unha ampla bibliografía médica de miles de estudos describe efectos a curto prazo  (déficit de atención, hiperactividade, irritabilidade, problemas de concentración e memoria, prurito, molestias oculares, dermatite, dores musculares, cefalea, insomnio, …) e en exposición crónica (electrohipersensibilidade –EHS-, síndrome de fatiga crónica, depresión, fibromialxia, arritmias, problemas cardíacos, epilepsia, autismo, Alzheimer, Párkinson, infertilidade, problemas hormonais, leucemia e outros cancros, …) dentro dos límites legais de exposición aos CEM. Numerosos chamamentos médicos e científicos no ámbito internacional consideran que hai evidencia suficiente para aplicar o Principio de Precaución, rebaixando os límites de exposición aos CEM en base aos efectos biolóxicos coñecidos e minimizando a súa exposición, especialmente na poboación infantoxuvenil, como no Chamamento  Internacional (2015) á OMS e á ONU asinado por máis de 220 científicos de 41 estados, investigadores expertos en bioelectromagnetismo e implicados no estudo dos efectos biolóxicos e médicos dos CEM non ionizantes.

Si a Axencia Internacional de investigación do Cancro -IARC- da OMS clasificou os CEM como posíbeis canceríxenos (ás moi baixas frecuencias en 2001 e as RF –Wi-Fi, telefonía móbil,…- en 2011), e o seu director deu consellos proteccionistas sobre o uso do teléfono móbil, o grupo de traballo BioInitiative presentou en 2012, 2014 e 2016 estudos que os clasificarían como canceríxeno coñecido, do mesmo xeito que o tabaco ou o amianto, segundo os parámetros do IARC/OMS. Nesta liña unha sentenza xudicial xa recoñeceu o nexo de causalidade tumor cerebral/móbil (Italia, 2012) e unha tele-operadora optou por compensar economicamente ante unha demanda similar (Israel, 2013).

A Resolución 1815/2011 da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa –APCE- [na liña defendida pola Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) dende 2007 e no Ditame sobre EHS da Sección TEN do Comité Económico y Social Europeo (xaneiro 2015), e ampliando as recomendacións proteccionistas da Resolución do Parlamento Europeo de 2009] solicita aos seus estados membros “Tomar tódalas medidas razoables para reducir a exposición aos campos electromagnéticos, especialmente ás radiofrecuencias emitidas por teléfonos móbiles, e en particular a exposición na infancia e mocidade”. Medidas como:

– “Informar sobre os riscos potenciais para a saúde dos teléfonos sen fíos DECT, os babyphones e outros aparatos eléctricos que emiten continuamente microondas pulsadas… e recomendar o uso de teléfonos con cable nos fogares, ou no seu defecto, modelos que non emitan permanentemente ondas pulsadas”.

– “Campañas de información dirixidas ao profesorado, nais e pais e o alumnado para advertirlles dos riscos específicos do uso precoz, indiscriminado e prolongado dos teléfonos móbiles e doutros dispositivos sen fíos”, primando para nenas e nenos en xeral centros de ensino libres de contaminación electromagnética (Wi-Fi, teléfono móbil), con “conexión a internet por cable”.

Nalgúns estados xa recomendan algunhas formas de minimizar a exposición (especialmente en cativas e cativos) por parte de axencias sanitarias (Alemaña, Australia, Austria, Bélxica, Finlandia, Francia, India, Grecia, Reino Unido, Rusia, Suíza,… así como a propia AEMA) e asociacións profesionais [de medicina ambiental a nivel europeo e de estados como Austria, Alemaña, Francia, EE.UU, Irlanda, Italia, Macedonia, Reino Unido, Suíza,…; colexios profesionais de biólogos como o de Galicia, de médicos como o de Viena e o de Austria, de pediatras como o de Alemaña e o de EEUU; médicos por escolas saudábeis; … Ao mesmo tempo algunhas lexislacións de estados europeos xa contemplan limitacións/prohibición do uso do Wifi no ámbito educativo e na comercialización e publicidade de dispositivos sen fíos para os máis cativos., ou desmantelamento das redes WIFI municipais (como nas gardarías de Hospitalet) a favor do cable.

Dende a APDR co-impulsamos o MANIFESTO EUROPEO por unha regulación da exposición aos campos electromagnéticos (CEM) que protexa realmente a saúde pública, asinado na actualidade por científicos, investigadores e expertos, así como colexios e asociacións profesionais, e representantes de organizacións da sociedade civil  procedentes de 26 estados.

Ver nota de prensa

escola-saudabel

Existen numerosos exemplos no pasado que por non utilizar o principio de precaución, conduciron a serios prexuízos, e a miúdo irreversíbeis, sobre a saúde e sobre o medio ambiente. Adoptar agora medidas apropiadas e proporcionadas para evitar as ameazas verosímiles e potencialmente graves para a saúde derivadas dos campos electromagnéticos consideraríase posiblemente como prudente e sabio desde perspectivas futuras. Debemos lembrar que a precaución é un dos principios da política medioambiental da Unión Europea“. Declaración da Profesora Jacqueline McGlade, Directora executiva  da Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) 2003-2013 (AEMA 2007).

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print