APDR


ASOCIACIÓN POLA DEFENSA DA RÍA: MÁIS DE 30 ANOS DE LOITA ECOLOXISTA NA RÍA DE PONTEVEDRA.

A “Asociación Pola Defensa da Ría” de Pontevedra ( APDR ), nace a finais de 1987 como resposta á preocupación cidadá diante da grave situación de deterioro ambiental que sofre o medio natural na zona; trátase dunha asociación ecoloxista plural e aberta a todas as persoas que -con independencia da súa condición e ideoloxía- coincidan no interese pola recuperación e potenciación da maior das riquezas ecolóxicas da nosa bisbarra: a ría e o seu contorno.

A nosa aspiración a un modelo de desenvolvemento sustentábel, baseado na explotación racional dos recursos marisqueiros, pesqueiros e forestais e dun turismo alternativo, e o convencemento de que este desenvolvemento económico e ecolóxico da bisbarra vai ligado en moi boa medida á recuperación do ecosistema rio-ría , xustifican de cheo a adopción do nome da Asociación.

historia-apdr-1

No camiño cara á consecución do obxectivo xeral adiantado, a APDR prantéxase conquerir a eliminación da totalidade dos vertidos contaminantes (urbanos e industriais) que van parar aos nosos ríos e á ría, a paralización dos recheos na Ría e nos ríos que a conforman, a desaparición da contaminación atmosférica , a adopción dun sistema racional de recollida e tratamento do lixo (baseado na reciclaxe, a reutilización e a redución); aposta por un urbanismo máis racional, por uns núcleos de poboación máis limpos, sáns e habitábeis, con máis zonas verdes e de lecer, e nos que moito do espazo hoxe ocupado polo cemento e os automóbiles sexa recuperado para as persoas. Fronte ao monocultivo de eucalipto actualmente existente, defendemos unha explotación diversificada e o uso racional de todas as potencialidades que o monte galego ten (madeira, froitos, cogumelos, turismo, lecer, educación…)
A loita pola recuperación dos espazos naturais non degradados definitivamente e pola desaparición dos principais focos contaminantes da nosa ría, TAFISA e , nomeadamente, o complexo CELULOSAS-ELNOSA, foi fundamental no noso facer cotián, no que vimos promovendo e organizando todo tipo de actividades de divulgación e sensibilización (charlas, conferencias, edición de boletíns e informes técnicos,…), mobilizadoras (manifestacións e concentracións, recollidas de sinaturas,…) e de denuncia pública (nos medios de comunicación, diante das administracións e organismos públicos) e xudicial.
historia-apdr-2

Vista oral do xuizo contra Celulosas; as empresas aceptan a sentencia condenatoria.

Con todo, a ninguén se lle pode escapar que o principal problema ecolóxico da ría de Pontevedra – e o que máis preocupou sempre ao conxunto da poboación da bisbarra- vén dado pola presencia do complexo CELULOSAS-ELNOSA na enseada de Lourizán e, nunha menor medida, da fábrica de taboleiros TAFISA na beira do Lérez ; é lóxico, xa que logo, que teñan sido estes os temas aos que a Asociación ten adicado tradicionalmente maiores esforzos.

Neste sentido, o traslado de TAFISA (hoxe xa unha realidade) e o peche definitivo do complexo CELULOSAS-ELNOSA foron sempre para nós esixencias irrenunciabeis no camiño cara á conquerir o saneamento e a recuperación da ría.

O noso traballo, constante e riguroso ao longo destes anos, empeza a amosar os seus froitos; o medre das posicións “ecoloxístas” no conxunto da cidadanía, e dun xeito moi particular, das posicións contrarias á presenza de ENCE-ELNOSA na súa actual ubicación (unha enquisa de SONDAXE fixaba esta oposición n o 78% da poboación), é hoxe evidente e ten moito que ver co traballo desenvolvido pola nosa asociación. A condena de ENCE por “delicto ecolóxico continuado” logo de once longos anos de dilixencias previas é unha importante victoria que desde a APDR facemos extensiva ao conxunto da cidadanía que ano tras ano vén confiando en nós e apoia decididamente as nosas actividades. As nosas denuncias e o papel da nosa asociación na sensibilización e mobilización dos veciños/as da fábrica de taboleiros TAFISA tiveron moito que ver co seu traslado, sen esquencer por elo o peso fundamental dos intereses económicos da empresa nesta nova situación, que supuso a recalificación de boa parte dos terreos como solo urbanizábel.
Desde o ano 1999 formamos parte da FEG (Federación Ecoloxista Galega), que agrupa á práctica totalidade dos grupos ecoloxístas da Galiza, e temos participado na creación de distintas plataformas en defensa do medio ambiente (en defensa dos rios Gafos, Lérez, Verdugo,…), nas iniciativas lexislativas populares “Por un plan forestal galego” e “Pola defensa dos nosos rios” e na discusión e elabouración do “Plan Xeral de Ordenamento Municipal” de Pontevedra e do “Area Territorial Urbana de Pontevedra”, nos que fixemos diferentes aportacións en materia de medioambiente e urbanismo.
historia-apdr-3

Nas praias e coa sociedade na maior catástrofe ecolóxica de Galicia

A nosa organización -que forma parte da plataforma NUNCA MÁIS- participou de forma activa nas tarefas de limpeza do litoral galego na catástrofe do “Prestige”, na organización e coordenación do voluntariado, na redacción de “protocolos” de limpeza e na divulgación do problema dando charlas sobre diversos aspectos tanto na Galiza como no resto do Estado.

No ano 2002 fumos recoñecidos co premio “Cidade de Pontevedra”, concedido polo Excmo. Concello de Pontevedra pola nosa laboura a prol da defensa ambiental e de forma particular por conquerirmos a condea a ENCE e polo noso traballo na catástrofe do “Prestige”, e recentemente (maio de 2005) co 2º premio “Vidal Bolaño” concedido pola organización “Redes Escarlata” pola nosa “constancia e lucidez argumentativa na loita contra a degradación ambiental”.
historia-apdr-4

Na actualidade a APDR conta con algo máis de 500 socios/as, ten conquerido un importante respaldo social nas súas mobilizacións e goza do respecto e o recoñecemento dunha ampla maioría das xentes da bisbarra, na que é ponto de referencia obrigado cando dalgún problema medioambiental se trata.