Carta ao Sr. Nogueira


Sorprende en primeiro lugar que o meu escrito, que non pretendía máis que denunciar os feitos que aconteceron o pasado domingo na chegada da marcha á fábrica de ENCE, poida causarlle risa; e sorprende porque, ao meu entender, estamos a falar duns feitos que atentan contra os dereitos democráticos das persoas e que mesmo poden ser constitutivos dun delito penal.

Prefiro evitar os cualificativos que me suxire a súa resposta; sinceramente, nin é o meu estilo, nin creo necesario facelo. Calquera que o lea poderá adicarlle os adxectivos que considere oportuno.

Non alcanzo a entender que pasaxe do meu escrito pode levarlle a Vde. a poñer en dúbida a dignidade da miña implicación persoal na causa que veño defendendo desde hai xa moitos anos. En calquera caso, asegúrolle que non me quita o sono tal apreciación; porque estou convencido de que ninguén, aparte de Vde. e aqueles que teñen intereses directos, indirectos ou inducidos na permanencia ilegal da fábrica de ENCE en Lourizán, ten dúbidas sobre este particular; calquera que me coñeza, sabe que non son intereses ocultos ou indignos os que me moven a terme implicado durante todos estes anos na loita contra a permanencia de ENCE na Ría e polo seu saneamento e recuperación para a explotación racional dos seus recursos.

No que á asistencia á marcha se refire, debo dicirlle que nin eu nin a APDR a temos cuantificado; limiteime no meu escrito a falar de “milleiros de persoas”, porque calquera persoa minimamente obxectiva que a teña visto, poderá corroboralo. E se citei o dato de Europa Press foi por se tratar dunha fonte externa á APDR. E de onde saca Vde. a peregrina conclusión de que eu sosteño que debemos evitar os medios “nacionales u oficiales”? Máis parece que sexa Vde. quen teña algún interese en afirmalo!

E terxiversa tamén Vde. as miñas palabras cando fala de apropiación do himno galego; terá que recoñecer que en ningún momento falo de que o himno galego sexa propiedade de ninguén. Falo, porque así foi, de falta de respecto á cidadanía e aos símbolos “do pobo galego”, e insisto, pola súa utilización para provocar a quen estabamos exercendo un dereito democrático. Non debera esquecer Vde. Sr. Nogueira que o único obxectivo perseguido por ENCE coa emisión do himno da Galiza era o de evitar que se puidese ler e escoitar o noso manifesto final, algo que é posíbel que a Vde. lle poida parecer lexítimo pero que merece a repulsa de calquera demócrata.

Non serei eu quen decida, como fai Vde. comigo, poñerlle nun lado ou outro da sociedade; direille, iso si, que a idea de progreso que se desprende do seu escrito, baseada na defensa dun modelo económico franquista, que impuxo a instalación da fábrica de pasta de papel en Lourizán pola forza das baionetas e contra quen defendían un modo de vida e o pan dos seus fillos, na defensa dun modelo que se ten demostrado fracasado, espoliador dos recursos naturais e do medio ambiente e que non foi quen de crear, tan sequera, os postos de traballo prometidos, nada ten que ver coa miña nin coa da inmensa maioría das persoas que -coma min- aspiramos a un futuro para a Ría e para a economía da comarca ben diferente.

Antón Masa, presidente da “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR).

  • Fai CLICK para ver a información sobre a Marcha contra celulosas do 26 de xuño deste ano, incluído o Manifesto lido na mesma a pesar do boicot de ENCE coa súa megafonia.